Un tras doutro, disciplinadamente, os membros da secta procedían a tomar asento arredor da grande mesa rectangular que presidía a sala. Colocaron os seus papeis, as súas notas e apuntes xusto enfronte, dispostos a pór por escrito todos os novos conceptos, para así aprendelos mellor. O líder comezou a súa intervención pregándolles aos asistentes que sacasen a orde do día para aterse ao alí pre-estabelecido; mecánicamente, todos e todas se aseguraron de ter ben á vista o papel.
Os conceptos comezaron a fluír, tomando corpo nas mentes de cada un dos alí presentes, cobrando un sentido un tanto -ou moi- difuso. O gurú ía iluminando ao resto con palabras grandilocuentes, entendidas só a medias; os ollos abríanse, cheos de brillo acuoso e emocionado; os membros contraíanse en resposta emocionada. Todos eran un e un eran todos: unha grande idea tomou corpo no centro da sala e de súpeto a realidade ficou transformada, conformando un misión nova nun mundo novo. Xa eran todos conscientes do que tiñan que facer e de cales eran os prazos para o facer.
Coma cabaleiros da táboa redonda á procura do santo graal, repartíronse polo mundo cunha misión que realizar: administrar, nas doses axeitadas, O Coñecemento. Faríano nunha clave propia, cunha neolinguaxe en clave só coñecida por eles, garantíndo así que ninguén alleo á Secta tería acceso a tan sagrada misión.
Proclamando aos sete ventos que só eles posuían a capacidade de ensinar as regras básicas do cálculo e as da gramática, impediron que tales coñecementos puidesen ser subministrados en lugares distintos das Escolas. Prohibíndonlles incluso aos proxenitores a entrada ( agás causa xustificada), o umbral da porta do Colexo separaba dous mundos totalmente distintos e introducía así aos nenos na Secta Pedagóxica, da que tamén formaban parte. Como Avalon, oculta tralas tebras, só visíbel para quen ten poderes máxicos, así ficaba a Escola, lonxe do alcance das familias dos nenos. Os nenos, elevados á categoría de Alumnos, eran preparados para unha viaxe iniciática que duraría anos: borrados totalmente os esquemas anteriores e deixado en branco o cerebro para podelo encher co Currículum, coma unha tábula rasa presta para ser enchida.
É a Secta Pedagóxica!!! E está en todas partes, sen que ti te deas conta!!!
Se tes nenos en idade escolar, vixíaos constantemente: poderían pasar a formar parte da Secta sen ti dáreste conta.
No hay comentarios:
Publicar un comentario