Estes días, co gallo do aniversario da caída do muro de Berlín, lembreime dunha viaxe que aló fixen fai algún tempo. Quixen fotografarme con este pedazo do muro que ficou conservado na Postdamer Platz e que serve de homaxe a Rosa Luxermburgo e á paz.
Rosa Luxemburgo é unha das mulleres revolucionarias máis famosas da historia. Nada en 1870 en Polonia, no seo dunha familia xudea, xa coñece dende ben axiña o que é o exilio e a persecución, ao ter que fuxir a Suíza no 1889 a causa da persecución da que foi obxecto pola súa militancia socialista.
Estudante brillante nunha época onde poucas mulleres tiñan esa oportunidade, foi quen de facer estudos de Dereito e economía política. Fundadora do que logo sería o Partido Comunista Alemán, sufriu encarcelamento entre o 1903 e 1904 , e lonxe de abdicar da súa ideoloxía, participou activamente en congresos e debates políticos nos que militantes e dirixentes socialistas e marxistas buscaban alternativas para unha época histórica máis que convulsa, unha vez desaparecidos os teóricos clásicos, Marx e Engels.
Crítica coa teoría clásica de Marx sobre o feito de que o Capitalismo tería que chegar á súa fin nun momento dado da historia e tamén crítica co centralismo partidista de Lenin e a pouca participación das bases na dinámica do partido, Rosa representou unha posición teórica máis heterodoxa, utilizando o novo termo de "imperialismo" e dando unha explicación económica e política do que supuña o colonialismo, en pleno auxe na época.
Tamén influíu decisivamente no Partido socialdemocrata alemán, anque no 1914 se opón á decisión do mesmo de ir á que sería a I Guerra Mundial, difundindo material impreso no que se denuncia que a guerra é unha guerra promovida pola burguesía e que en nada beneficia ás clases proletarias.
O partido escíndese en xaneiro dese ano. No 1918 prodúcese a coñecida como " Revolución de Novembro", na que participaría activamente Rosa difundindo material revolucionario entre os soldados. A consecuencia destas actividades, é detida e encadeada e, en 1919, é torturada e asasinada, xunto ao lider revolucionario Karl Liebnecht. O seu corpo correu un incerto destino ata que apareceu, en estado de descomposición moi avanzado, nunha exclusa dun canal da cidade. Dende entón, un domingo a mediados de xaneiro, en Berlín celebran o aniversario do asasinato.
Por iso quixen eu que me fixesen esta fotografía, como homaxe persoal.
No hay comentarios:
Publicar un comentario