Aquí veñen, todas en manda, sabedoras de que o traballo en grupo lles ha dar mellores resultados nesta caza. Avanzan cos ollos fixos na presa e agárdana a certa distancia, deixándolle introducirse no edificio, onde, por algún tempo, atopará acubillo. O corazón bate con forza no peito de quen se sabe vulnerábel, en inferioridade numérica, ao tempo que calcula as posibilidades reais de poder librarse do furibundo ataque que está a punto de iniciarse. Tampouco as feras as teñen todas consigo, xa que non hai plan que non teña un punto débil, e algo podería saír mal. Achéganse á porta, primeiro indecisas: só algunhas deciden entrar, co corpo gacho e ollos nervosos. Detrás, entra o resto dos indivíduos do grupo de caza. Son todas femias, agás un macho. Sitúanse estratéxicamente, seguindo un plan meticulosamente planeado.
Vemos á presa agochada tras dunha porta fechada, pensando que se cadra desta libra e os acosadores deciden que non val a pena agardar máis, pero mal sabe que estes depredadores veñen dispostos a acabar con ela,arriscándose incluso a saíren algúns deles malparados: non en van este é o territorio natural da asustada mestra de primaria.
Os depredadores, todos eles membros de Galicia Vil-lingüe, están decididos a axustarlle as contas a quen só cumpre co seu deber de lles enseñar a falar e escribir correctamente en galego ós seus alumnos e alumnas.
As feras ulen o medo da víctima e isto anímaas a subiren ao piso onde a mestra ten a súa aula. A estratexia consiste en ameazala esixíndolle que non lles "impoña" o galego aos seus fillos en nome da liberdade lingüística; advírtenlle que o decreto está a punto de aprobarse e que a súa hora está pronta. Profiren ameazas contra os que chaman "mestres políticos" e advírtenlle á mestra que todos eles han ser expedientados. As dentadas das bestas afúndense na carne xa sangrante e aberta. O cheiro do sangue aínda as enlouquece máis e redobran os seus esforzos por abater á mestra.
Mal saben as ignorantes, féridas e duras bestas que a razón da mestra está moito por riba dos seus instintos carroñeiros, dos seus complexos de hienas aspirantes a leóns. Coma esta mestra hai moitas máis mestras, resistindo os ataques das emponzoñadas víboras.
Algún día chegará en que a razón se impoña á falsidade e os soberbios, ruis e poderosos, finchados, valeiros e estúpidos deixen de decidir a sorte deste país.
No hay comentarios:
Publicar un comentario