A zona monumental de Tui merece un paseo a pé, cámara en man, para poder disfrutar, como é debido, dun casco histórico cheo de historia e valor arquitectónico. Non vou falar aquí do valor único da súa catedral, por ser sobradamente coñecido. Se cadra vale a pena que lle botedes unha ollada á fotografía do seu claustro, que resulta ser un fermosísimo e harmonioso claustro gótico, visitable por tan só 2 euros. Fotografías da catedral veríades abondas, así que subín aquí algunhas olladas á zona vella. O que primeiro pensei ao percorrer as rúas medievais, é que, a diferenza da parte nova ( horrorosa, para o meu gusto), o Tui primitivo está ollando ao Río Miño. Non é estrano, xa que o río foi, é e será vital e estratéxico para a economía dos lugares que atravesa, coma calqueira río. O que é unha necedade é darlle as costas a esta marabilla paisaxística e ecolóxica que cingue o país de norte a sur. Pásalle o mesmo ao resto de poboacións galegas da súa marxe: constrúese de costas ao río, ignorándoo e minusvalorándoo. Non pensamos nel coma nun espazo de lecer e económico, senón simplemente coma unha fonte de mosquitos. En fin, nono ven así os irmáns portugueses, que o honran con cada unha das vilas bañadas polas augas sagradas do noso grande río.
O segundo que pensei é que o Concello de Tui ten moi pouca vista ao ter o casco vello en tan malas condicións. Teno todo para atraer visitantes, para presentarse coma unha xoia urbanística. Se cadra o que non ten é o amor e a visión respectuosa polo patrimonio de quen nos últimos anos gobernou o Concello. Unha vila así, en calqueira país veciño, estaría adornada por centos de floreiras, chea de letreiros contando as moitas anédotas históricas das que aquelas pedras foron testigos, estaría tamén chea de pousadas e hoteliños deses que chaman "con encanto", e de librerías, tendas de agasallos, obradoiros de artesáns... en fin, unha vila así non estaría esmorecida, mal coidada, chea de malas herbas nos muros, sen iluminación axeitada.
Como di Manoel Rivas con moita retranca nalgún dos seus libros, o mito de que os galegos somos conservadores é tan só iso, un mito: non hai máis que ver o mal que conservamos o patrimonio.
En fin, disfrutade das fotos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario