
Mentras os compañeiros aprenden que os camiños do señor son inescrutábeis, e que todos somos portadores do pecado orixinal, e que a ira de deus destruirá aos adoradores dos deuses falsos, a nena inmigrante é sacada da súa aula por unha mestra, que lle dispensará "atención educativa". Hoxe pregúntalle que quere facer e a nena resposta que lle dá igual, así que a mestra ofrécelle a pizarra para debuxar cos xices de cores. A normalmente inexpresiva cariña morena da rapariga alédase tímidamente, o cal é pouco frecuente. A nena comeza a debuxar a casa do avó, coas súas xanelas, as súas escaleiras e a terraza na que dormen todos nas noites quentes do verán. Debuxa tamén diante da casa o lugar no que á caída do sol sae a familia a sentar ao fresco e tomar o té. Explica que por veces os nenos fican alí durmidos e teñen que ser levados máis tarde ás súas camas no interior da casa.
Tamén hai uns cortellos para os animais e nenos a brincar cabo deles. Estranamente, pódese ver un regueiro de auga, tan pouco abundante naquelas secas terras. Se cadra é o elemento fantástico do cadro, o cal, unha vez rematado, a nena enmarca dentro dun corazón, no que se pode ler MARROCOS.
No hay comentarios:
Publicar un comentario