sábado, 3 de abril de 2010

"Estamos de aniversario!"

Mamá, escribo para ti, no día do noso aniversario: o do teu último parto, o do meu nacemento. Lembraraste sen dúbida daquela madrugada de primavera na que a túa cuarta filla veu a este mundo coa axuda da Madriña. Só quero felicitarte e felicitarme a min tamén por terme convertido na túa prolongación, e é que non hai día que non pense no que pensarías de tal ou cal cousa, ou no que farías en tal ou cal situación, de forma que podo orientar os meus pasos tralos teus, coma se eu fose ti que vives a traveso de min. Máis xove, si, e con trazas físicas e psíquicas da outra parte da familia, mais eu son ti e ti vives en min, e por iso me comprometo a levarte-levarnos- o máis lonxe posible no tempo, para vermos medrar á vindeira xeración de nós. A túa neta, que tan orgullosa porta o teu nome, saúdate tamén e pídeme ver a túa foto a cotío. O teu neto tamén sabe de ti e mírate con ollos intelixentes, tentando chegar a comprender por que estás só na imaxe. Para eles, con Bogui, ti habitas a floresta máxica onde viven os esquilos, os paxaros e todos os animais que procuran un descanso permanente .
Para min, ti estás no meu alento, no meu ollar e ata no meu falar.
Parabéns entón, para nós as dúas.

4 comentarios:

Zeltia dijo...

parabéns polo teu cumpreanos.
(estes primeiros de abril hai andacio nos cumples)

identifícome moito co que lle escribes a túa nai. moito máis comigo a levo agora que está morta. ata vive na casa (porque viviu nesta que estou algúns anos da súa vida), sorrime dende os recantos, e óllame dende os espellos.

que teus amigos e familia te arroupen neste día e a súa compaña che axude a sentir querida e feliz nun dia especial como é hoxe.

dende a néboa da rede, pero un algo menos porque xa che teño posta á cara ó blog,
douche un bico nesa pel branca e limpiña aínda das pegadas que os anos deixan nela (e querería ver rir eses ollos de mirada doce)
feliz cumpreanos, nena!

Proida dijo...

Ah Zeltia, que ilusión me fai a túa felicitación! De entre a néboa deste lado, correspondo ao teu beixiño cun apretado abrazo de gratitude e ledicia por térmonos atopado nesta rede enmarañada.
Beijinhos grandes.

Chousa da Alcandra dijo...

A orixinalidade desta entrada é tanta, que xa non sei se felicitarte polo cumpleanos ou polo fermosísimo xeito de cantarlle á túa nai así.
Dunha ou da outra maneira, sinte que dende a Chousa chegan intencións de ledicias para as dúas.

x bicos (a incógnita pode quedar sin despexarse jajaja)

Proida dijo...

Chousa, o mércores viaxei a Lugo, pasando por Lalín, así que pasei por Antas, que creo que é a túa terra, e conducín amodiño tratando de adiviñar por onde andarías. Teño as paisaxes luguesas sempre presentes, pois isto daquí abaixo é outro mundo -bonito, pero outro mundo, xente demais...
Sexa como for, fico moi alagada polas túas loubanzas e polas felicitacións chegadas directamente da Chousa.

Beijinhos