jueves, 2 de septiembre de 2010

"Ola novamente!"




Por fin voltamos ao noso, que é a reflexión escrita sobre a vida; de certo que xa o botaba de menos e fun aos poucos configurando o que sería esta miña nova entrada de hoxe, anque de seguro que Blogger non deixa escribir tanto dunha vez.
Mais, vaiamos por partes:
O primeiro, agradecervos a todos e todas as que pasades por aquí, pois facédesme sentir acompañada e leda de que alguén me escoite. Sempre que me sento a escribir invádenme unha sorte de nervos porque non sei se serei quen de escoller as palabras que mellor expresen aquilo que penso. A lingua é moi importante! Hai que mantela fresca, usala na súa máxima extensión, porque senón enferrúxase. A min pásame algo curioso: ninguén do meu contorno fala galego ( se considerarmos que o portugués non é galego, claro), e menos un galego coidado e nun rexistro mínimamente culto, cousa preocupante se temos en conta que as persoas coas que máis trato son mestres, coma min... ben, o caso é que pouco a pouco, á forza de non ter con quen falar normalmente das cousas da vida en galego, este váiseme empobrecendo, e só lendo ou acudindo á memoria lingüística da lingua que me ensinaron meus pais é que o manteño en forma. Non é que eu deixe de falalo, senón que o meu vocabulario, expresións e xiros, son os mesmos dende fai non sei xa cantos anos que deixei Lugo.
Para seguir, teño que dicir que este verán foi para min o peor de moito tempo polo calor grande que fixo e por ter que ver como ardían os montes ao meu redor. Teño mesmo medo de que isto vaia ser así daquí en diante! A nosa terra ía mudar moito se así for!
En agosto viaxei ao sur de Alemaña e ao Tirol austríaco, e alí si que hai verde!!! Unha vez que un víu a cantidade de bosques que aló hai, custa crer aquilo que se ten dito de que España é o país da UE con máis superfície arborada. Enormes superfícies cobertas de bosques alpinos e de prados verdísimos salpicadas aquí e alí de fermosísimas casiñas. Tamén alí hai granxas de leite, pero que diferencia! Que coidado está o medio e que conciencia ecolóxica teñen tanto alemáns como austríacos!
Dende Múnich (Munchen en alemán) visitamos vilas e cidades, castelos e lagos. Tamén houbo tempo para museos e paseos en tren de vapor montañas arriba. Visitamos a uns amigos e comprobamos como de ceremoniosos e detallistas son os alemáns, ademais doutras grandes cualidades que fan desta xente un grande pobo.
Estando en Salzburgo, pregunteime polo restaurante no que Saramago concebíu a idea do seu libro "A Viagem do Elefante". Hai naquela marabillosa cidade un restaurante chamado "O Elefante" no que, con ocasión dunha conferencia que Saramago impartíu nunha universidade de Salzburgo, ao mestre portugués lle coincidiu xantar. Picado pola curiosidade de teren como adorno unha reproducción da Torre de Belén lisboeta e dun elefante, alí soubo da historia do elefante asiático que certo rei portugués lle regalou ao arquiduque Maximiliano da Austria, xenro de Carlos V. O elefante houbo de cruzar non só a península senón o Mediterráneo en barco e logo os Alpes, a pé, nunha comitiva encabezada polo propio arquiduque e a súa muller. Con destino Viena, as fatigas do animal foron grandes, igual que a admiración de todos cantos o viron pasar polos pobos portugueses, españois, italianos e austríacos.
Tamén visitei Insbruck, capital do Tirol, onde merquei o reloxo de cuco dos meus soños. Lembro a meu pai falar do moito que lle gustaría ter un reloxo de cuco... que nunca tivo. Eu merqueino por el na cidade ao pé dos Alpes, e teño que dicir que cando está a punto de saír o cuco anunciar as horas, todos nos congregamos arredor del con grande ledicia.
En fin, que dicir do lago Constanza, ou dos castelos de Luís II de Baviera, ou dos picos sempre nevados dos Alpes...


Podedes ver algunhas fotos aquí:http://www.facebook.com/album.php?aid=2072810&id=1370796279&l=cfa823cf16
Sempre que teño a sorte de poder viaxar e coñecer lugares novos, quédame un regusto amargo por non poder seguir facéndoo ininterrumpidamente, e é que no mundo hai tanta beleza, tantas cousas que aprender...
Falando de novo: está por comezar un novo curso escolar. Os meus alumnos xa se han estar preparando para voltar ás aulas, non sei se con ilusión. Hoxe pasei a mañá a fregar as portas e os estantes da miña clase. Seica o goberno non recauda abondos impostos como para evitarnos ós mestres cada ano a engorrosa tarefa de limpar os colexos nos que logo han estudar os fillos dos obreiros; dirá o conselleiro que o facemos porque queremos, e eu dígolle que o facemos para dignificar un pouco os espazos públicos, por amor á nosa tarefa e ós alumnos. Non pasei aínda por ningún colexo no que o servizo de limpeza fose verdadeiramente iso, así que se queremos traballar nun lugar digno, hemos de dignificalo nós mesmos. É o que hai... por non falar do tema lingüístico. Iso queda para outra.
E o demais todo ten que ver co meu avultado ventre; alí agóchase certa meniña de seis meses, que rebule a pracer nun espazo que se volverá cada vez máis escaso. Agardaba atoparlle nome aló por centroeuropa, mais non houbo sorte. Se se vos ocorre algún do voso gusto, tomareino en consideración, á vista da vacante.
Pois así vos deixo, con iso e con Enrique VIII, que xa está a piques de se desfacer de Ana Bolena, e é que sigo con paixón a serie da Primeira, cada xoves.
Moitos saúdos para todos e até a próxima.

6 comentarios:

Chousa da Alcandra dijo...

Deberías aportar unha imaxe da profe fregando os estantes. Non é que non te creamos...

Bicos de benvida. Na canteira xa retomamos fai unhas semaniñas.

♥ meninheira ♥ dijo...

Anda!! os meus parabéns neniña!! Eu viña ver que pasaba que levaba tanto tempo sen saber de ti e atopo esta boa nova :)

Un biquiño :*

Anónimo dijo...

Espero que che guste o enlace

http://www.ted.com/talks/chimamanda_adichie_the_danger_of_a_single_story.html

Luis

Proida dijo...

Chousa, grazas pola benvida... Estou algo preguiceira, mais sigo a cavilar...
Meninheira: grazas polos parabéns... Realmente estes últimos tempos están a ser ben duros, por causa de certas dores de costas, de cadeira, musculares, etc... así que, menos mal que se supón que terá final feliz, que senón...
Luís: grazas polo enlace; escoitei a conferencia da escritora nixeriana con grande interese, que apunta á necesidade de non simplificarmos tanto as opinións que nos imos facendo sobre o mundo... O certo é que a xeralización é un proceso mental que polo visto é innato non só en nós senón noutros mamíferos... e claro, as experiencias negativas con determinados aspectos farán sempre que teñamos opinións negativas ao respecto... ata que teñamos outras experiencias distintas... Así que a clave está en ter moitas experiencias, aprender o máximo posible, viaxar, ler... que sei eu...
Apertas.

Jonathan Dunne dijo...

Divorced, beheaded, died. Divorced, beheaded, survived. As seis mulleres de Enrique VIII. Tamén a nós nos gusta moito esta serie. Felicidades pola gran nova! O ventre é o mundo, ou seica o mundo un ventre (womb-world). Que haxa moito verde, e beizóns. Por certo, eu cría que o leste de Europa era o máis verdecido, non si? Polo menos aínda non o cubriron todo con cemento, como están facendo diante da nosa casa aquí! Bicos a todos

Proida dijo...

Ah querido,Jonathan! Canta ledicia contar coas túas palabras, cos teus parabéns. Grazas tamén a ti, por estar. Realmente a visita á Selva Negra deixoume con gañas de máis, moito máis, coma se o meu mapa se agrandase para aquel lado. As próximas vacacións han ser tamén por alí...
O meu ventre... o meu sacrificio, diría agora; encoméndome á nai Natura para axudarme a chegar até o final deste proceso, que está a ser realmente duro -durísimo. O Natal deste ano será, para nós, realmente iso, o nacemento.
Apertas fortes.