¡Desternillantes Luthiers!
Core Dump XVIII
Hace 1 hora
¡Desternillantes Luthiers!
Posiblemente o poema que mellor expresa o drama da emigración, de Rosalía de Castro, musicado por quen seguramente mellor cantou a Rosalía, Amancio Prada.

Boto de menos a fogueira de San Xoan que faciamos na buqueira da aira xunto cos veciños de porta. Aínda que as nosas familias sempre se levaron mal, a tarde de San Xoan supuña aportar para a fogueira comunal todo o que cada casa tiña para queimar, e faciámolo xuntos, para poder ter unha boa cacharela. Á hora de lle prender lume, no luscofusco, a ilusión nósa de nenos acadaba niveis paroxísticos. Aquilo de estar fóra sendo noite e ver as linguas do lume ir consumindo os paus, plásticos, palla, era máxico.
Non me estranaría nada encontrar nesta fotografía a Armindo Iglesias, o cura de Vedra. Parece ser que bota de menos os tempos pasados. Incomódalle a existencia do que el denomea "dialecto local" en referencia á miña lingua, a lingua galega, afirmando que "es una gran incomodidad que hay que soportar". Bota de menos os tempos nos que no Seminario estaba prohibido o uso do galego. Ao mesmo tempo asegura gardarlle "cariño a la lengua que hablaron mis padres y yo mismo hablé y sigo utilizando, pero también mis padres usaron el arado romano y el carro de bueyes".



A Voz de Galicia publica hoxe a nova da condea da empresa eléctrica Ferroatlántica por un delito ecolóxico moi grave. Alédome de que por unha vez a Administración lle pare os pés aos delincuentes ecolóxicos. Reproduzo parte do artigo publicado por La Voz no día de hoxe no que se dá conta desta nova.

Polo visto estes proxectos de crear lagos artificiais nas minas abandoadas de Cerceda e As Pontes non son tan inofensivos como se puidese pensar. Atención ás posibles consecuencias.
Contra os embarazos concibidos como "enfermidade"; contra os partos medicalizados desprovistos de humanidade; contra a vulneración do dereito máis elemental dos bebés a se alimentaren do leite materno, a permaneceren na seguridade do colo, do leito materno; contra a "institucionalización" dos meniños de tan só algunhas semanas; contra as longas xornadas laborais, incompatibles coa crianza dos fillos; contra os abusos dos empresarios que despiden mulleres por estaren embarazadas; contra o machismo imperante que deixa soas ás nais fronte á esixente, estresante e dificil tarefa da crianza; contra o feminismo mal entendido, que pón por diante os intereses do Capital antes que os dos propios bebés, considerando unha conquista feminista o poder compartir co pai a miserable baixa de 16 semanas; contra as mulleres que ocupan postos de responsabilidade e podendo cambiar as cousas non poñen todas as súas forzas en loitar para que isto cambie; contra Estivill e os métodos conductistas de crianza, que en realidade funcionan solamente ben no adestramento de cans; contra os maltratadores, os pederastas, os pais e nais que queiman ós fillos con cigarrillos; contra os médicos que administran fármacos gratuitamente ós bebés dende a súa máis tenra idade; contra a escola tradicional que só serve como aparcapequenos; contra a irresponsabilidade dos pais e nais que prefiren calquera cousa antes de pasar unha tarde na casa cos fillos....
Estampas coma esta non son xa sinxelas de ver "ao vivo". O abandono do medio rural como lugar de traballo é unha tendencia nada novidosa mais parece que nos últimos anos o ritmo acelerouse. Quedan en pé as véllas casas de pedra que deron abrigo a xeracións enteiras de galegos que se espallaron polo mundo coma sementes na primavera. Pantasmas do que noutrora foron pobos vivos, cheos de nenos rebuldeiros. Leiras comestas polo monte, cómaros imposibles de deliñar, aldeas silenciosas. O pasado do que renegamos e o futuro ó que lle pechamos portas. Xa non é rendábel criar a propia comida. Vén máis barata de Alemaña, de Francia, de calquera ponto distante do planeta. Nesta roda louca e incomprensible do Capitalismo, xiramos todos frenéticamente.