Eu, para os que nono saibades aínda, son mestra de educación primaria. Estes días estamos os meus alumnos e eu moi centrados en aprender algo sobre a electricidade.
A electricidade, así en abstracto, para explicarlles a nenos de 11 ou 12 anos, pode parecer un tema difícil de abordar, e de feito éo. O caso é que buscando información e maneiras creativas para presentárllela, topeime de cara co tema das centrais hidroeléctricas.
Dende este lugar privilexiado vexo as augas do Miño írense reunir co océano, logo de percorrer Galiza. Nunca ata agora dera en mirar o río con tristura como o estes días. E é que non reparara máis que no fermoso que resulta, na paisaxe fermosísima que vai debuxando.
A realidade é que se trata dun río prácticamente morto. Os cinco encoros cos que Unión Fenosa destruíu os ecosistemas naturais dende os anos 40, so lle deixan ao Miño correr en liberdade cando chega á fronteira portuguesa. E é que ningún deles cumpre ca normativa en materia de protección da fauna e flora do río, facendo desaparecer a práctica totalidade da poboación de salmón, anguía, sábalo, lamprea, lontra, etc., que ven imposibilitados os seus pasos naturais, impedindo a súa reproducción. Belesar, Peares, Velle, Castelo ,Frieira, e así ata 121, repartidos por todas as venas que son os ríos galegos, son os nomes que levan estes encoros, que constitúen un verdadeiro atraco a man armada por parte de Unión Fenosa, Iberdrola, Endesa e Ferroatlántica cuxa especulación non parece ter límites. Todas elas son empresas foráneas. O negocio cas nosas augas faise fóra da Galiza.
A pesar das enormes ganancias destas empresas, o subministro eléctrico en Galiza segue a ser moi deficiente, con cortes constantes, caídas de tensión, subministro de potencia inferior á especificada no contrato, etc.
Galiza é excedentaria en enerxía eléctrica e exporta o 31% da súa producción enerxética.
Os ríos galegos son, en conxunto, os que máis electricidade xeneran en todo o Estado. Albergamos dúas centrais térmicas( Meirama e As Pontes) que levan anos intoxicando os ceos de media Europa e envelenando as colleitas dos veciños máis cercanos.
Agora vemos como empresas especuladoras presionan aos veciños propietarios dos montes para facérense con eles a prezos regalados para instalar aeroxeradores amparándose tras dunha carauta ecoloxista.
Tamén vemos como se constrúen máis centrais e minicentrais hidroeléctricas para aumentar a explotación das nosas augas.
O máis preocupante é que despois da superación dun longo ciclo político xalonado por casos de corrupción en todas as ordes, esteamos asistindo á consolidación desa mesma política por parte da coalición gobernante na actualidade.
Galiza é moeda de cambio para a caste política, que non parece ser capaz de defender os intereses dos seus cidadáns.
Unha verdadeira tristura.
No hay comentarios:
Publicar un comentario