viernes, 9 de mayo de 2008

"Boto de menos aos meus amigos" (I miss my friends)


Hoxe recibín un e-mail dun bo amigo que vive aló por terras británicas. Chámase Alfonso, pero eu prefiro chamarlle Afonso, anque el me ten dito moitas veces que non quer quedar sen o ele...

Fai anos que non nos vemos mais temos contacto regular a traveso do cíber-espazo.

Coñecino no Instituto o ano que repetín curso, porque se me atravesaron as Matemáticas ( aínda as levo atravesadas) e a Física. Lembro a sensación de desamparo que tiven ao quedar atrás dos meus compañeiros de curso, que pasaban, eles si, ao seguinte curso. Os meus novos compañeiros parecíanme físicamente máis pequenos e infantís e sentíame fóra de lugar.

Tamén lembro certas desavenzas con eles a raíz dunha acción en solitario que emprendín na miña cruzada particular en favor das especies en perigo de extinción e en contra daqueles meus impostos novos compañeiros: era Nadal e alguén suxeriu adornar a clase cunha árbore. Como a que escolleron foi un Ilex aquifolium L., ou sexa, un acivro, non me quedou máis remedio que pasar á "acción directa" unha vez que desoíron os meus argumentos en contra de tan desatinada escolla. Así foi que, agardando á hora do xantar na que o Instituto quedaba deserto, collín furtivamente a póla daquela desgraciada árbore e fúnlla oferecer ás augas do río que agora vexo desembocar dende a miña morada portuguesa.

Quen sabe se aquela póla chegou a ver o inmenso Océano Atlántico... anque, ben pensado, o máis seguro é que non fose capaz de remontar os varios encoros cos que Unión Fenosa tivo a ben secuestrar as augas do Río Miño. Triste fin para a póla dun acivro e triste episodio da miña relación cos meus novos compañeiros, xa que a realidade foi que aquela acción valente e decidida non serveu precisamente para facer amigos novos.

Só cheguei a ter o meu sitio entre os meus compañeiros da man de Afonso, Eduardo, Paco, Beatriz, Tella e outros dos que tristemente esquecín o nome. Con eles foi que me encontrei verdadeiramente cómoda outra vez e sempre lembro aquelas aulas de Arte, de Literatura, de Historia, de Lingua con grande entusiasmo.

Adoito dicir que aprendín máis naqueles anos de adolescencia cá nos que viñeron máis adiante na Universidade e é que creo sinceiramente que as miñas estructuras cerebrais, tan plásticas naquela idade, colleron forma para írense dotando de contidos dalí en diante.

Bótoos de menos a todos e todos están na parte afectiva do meu cerebro. Quixer lembralos dende este meu outeiro por se acaso me len algunha vez.

Forman parte de min e da miña historia persoal.

Que nunca se perdan.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Xenial! non me lembraba da historia do acivro, tipico acto de rebeldia propio dunha revolucionaria adolescente que na Meira dos 90 tinha poucos companheir@s da causa.
MUito choveu desde aquel nadal, cecais inevitablemente fun perdendo contacto con a maior parte da xente daqueles tempos; tampouco son quen de lembrar cando foi a ultima vez que nos vimos (en LUgo nun veran cando estabas a opositar?).
COnfio que nalgun momento dado nos voltaremos topar.

Proida dijo...

Si, Papageno, choveu moito dende aquel nadal...
Tamén lembro aquela clase de Historia sobre o Mosteiro de Meira, by Julio Reboredo Pazos, na que adoptamos aquela expresión de "erudito e curioso", referida a San Bieito...
E moitas máis cousas.
A última vez que nos vimos... é posible que fose naquel verán de oposición, recén chegada de Londres, ou ben ceando na Oca, con Paco e a súa noiva? Non lembro ben.
Sí voltaremos vernos, máis vellos e experientes, nalgún ponto da Iberia.