"Cando saliamos desto", respostaba miña nai ás constantes preguntas que eu lle facía sobre "cando" había poder ter unha bicicleta nova ou unha boneca grande, ou cando podería facer todo aquilo que anceiaba. A súa resposta tiña para min, na miña inocencia absoluta, unha marca real de tempo: era evidente que máis axiña que tarde aquel momento chegaría e podería ter de golpe todo aquilo desexado. Ata era emocionante pensar que viviamos nunha sorte de Matrix da que algún día espertariamos para podermos disfrutar do libre albedrío.
Pouco a pouco e co paso dos anos funme dando conta de que nunca conseguiamos remontar aquela longa travesía no tempo e no espazo e que aquela mesma resposta seguía saíndo dos beizos prometentes da miña nai.
Ela morreu sen me dicir o segredo. Pregúntome se conseguiría "salir desto" polos seus propios medios, porque ela tiña tamén os seus anceios.
E eu sego a facer preguntas, anque son retóricas porque non agardan resposta algunha. E moito menos respostas que me consolen.
Sigo atrapada no espazo-tempo pero aínda así non deixo de preguntar, non vaia ser que a clave estea na esperanza.
No hay comentarios:
Publicar un comentario