A Eduardo coñecino aló polo ano 2002 en Burgos; no verán dese ano estaba eu matriculada nun curso de verán da UNED sobre "Franquismo e Represión", que se celebraba en Burgos. Estaba previsto que Alfonso Guerra abrise o abrise cunha conferencia pero debido a non sei que problemas de última hora, a súa presencia non foi posible. Os organizadores decidiron entón que fose Eduardo Haro Tecglen quen oficiase a inauguración.
Eu coñecía a súa radiofónica voz de escoitalo cada tarde na sección "Barra Libre" do programa "La Ventana", de Gemma Nierga, na Cadena Ser. Admiraba xustamente a liberdade coa que opinaba sobre calquer aspecto da actualidade informativa do país. Sendo como era el un roxo, inmediatamente simpaticei con el e cos seus argumentos; é máis, para min era unha referencia.
Así que a sorpresa en Burgos foi maiúscula e chea de expectación; sentei nunha butaca do salón de actos a agardar pola súa chegada. O seu aspecto físico era impoñente pola súa altura.
A conferencia non decepcionou senón que Eduardo foi quen de manter a atención dos alí presentes durante cada un dos minutos que falou. A súa maneira de ir tecendo a historia da súa vida de resistente, fiando as circunstancias durísimas da sua vida con fíos de humor sempre cativou a todo aquel que o oía. Ese día non foi ningunha excepción.
Así que na cafetería da Universidade achegueime a el para lle declarar a miña incondicional admiración. Como home acostumado como estaba ao recoñecemento público e aos eloxios, miroume cunha amabilísima expresión e deume as grazas.
Pasou o tempo e casualmente volvemos a toparnos outravolta, esta vez en Cangas do Morrazo. Era unha homaxe aos represaliados locais polo franquismo. Eduardo viña de Madrid, onde vivía, a pronunciar unha conferencia.
Por circunstancias que non veñen ao caso, tocoume ir recollelo ao aeroporto de Vigo. Era un día chuvioso. Pasaran meses, pero don Eduardo recoñeceume de inmediato!
Lembro telo acompañado a comer uns chipiróns nunha taberna agochada nalgún lugar perdido do Morrazo. Acompañounos Enrique Leirachá, artista plástico e cenetista de Cangas.
A intervención de Eduardo en Cangas foi brillante e ao rematar todos se achegaban a el para lle pedir un autógrafo, ou que lles asinara algún dos seus libros. Levaba razoablemente ben esta faceta da "fama", pero toda a xente lle quería contar os seus proxectos, os seus traballos... así que me pediu que o sacase dalí. Collino polo brazo e leveino fóra do salón. A todo o mundo lle dixo que debía marchar xa que a súa neta o reclamaba.
Dende aquel intre Eduardo pasou a formar parte das persoas para min máis queridas.
Morreu o mesmo día que eu esperaba a miña filla.
E non me puiden despedir.
Canto o sinto e canto o boto de menos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario