Por fin din con el! Preséntovos a Jonathan Dunne, un inglés galego falante que coñecín en Lugo fai algúns anos. Eu apuntárame a un cursiño de inglés e el era o mestre. O primeiro que nos chamou a atención foi que falaba un galego perfecto.
Jonathan viña de Cataluña, onde estudara a nosa lingua na universidade catalana. Era un namorado da Galiza e das súas paisaxes.
Lembro especialmente unha ocasión na que nos encargou visitar un barrio das afóras da cidade. Tiñamos que atopar "uns campos cuns terruños dunha cor moura, intensa". Logo había que cronicar a nosa visita á zona. Confeso que nunca soubemos a que terruños se refería...
Coñecía tan ben a Rosalía de Castro como a Manuel Rivas, e a ambos os dous traduciu á lingua inglesa.
Por esta condición súa de estranxeiro amante da nosa terra, da nosa lingua, da nosa cultura, de maneira proporcional adorábao eu. Son tan escasos os galegos que adoran o propio que cando un se topa cun caso coma o de Jonathan non queda máis remedio que rendirlle pleitesía...
A última vez que o vin foi na estación de autobuses, cando el ía a Santiago, para participar no Día da Patria Galega, o 25 de xullo. Sempre me preguntei que sería del dende entón.
Ben, a cuestión é que agora, grazas á rede de redes, din con el en http://smallstations.com/jonathan.htm e polo que vexo segue a traducir do galego e tamén do catalán e do castelán . Tamén traduce do búlgaro, xa que en Bulgaria é onde se asentou, e polo que vexo na súa web, parece que formou unha familia. Semellante actitude de estudio, interese e recoñecemento doutras linguas e culturas parece darse só nun escaso número de persoas. Ogallá ese fose o camiño escollido para fomentar o entendemento entre os pobos e non a desconfianza e illamento.
Estou moi leda de saber del novamente e de saber que está feliz e lle vai ben; en terras galegas terá sempre un sitio propio.
Dende esta beira quérolle mandar unha aperta galego-portuguesa e convidalo a visitarnos novamente.
No hay comentarios:
Publicar un comentario