martes, 20 de mayo de 2008

"Miña nai de Cores"


A muller que me trouxo ao mundo chamábase Elisa. Elisa sempre será o meu nome favorito. Nos seus documentos oficiais figuraba como Elvira, por un deses erros burocráticos que se van transmitindo de papel en papel e que nunca son reparados. Ela prefiría o seu propio nome.
Durmimos xuntas en posición fetal ata que eu medrei o suficiente como para querer cama propia. Practicabamos, sen sabelo, o que na literatura relacionada coa crianza se denomea actualmente "co-leito" e que tan beneficioso se ten demostrado tanto para a nai coma para a cría (non descubrimos nada novo).
Os lazos de unión entre as dúas eran moi fortes, quizais por ter vido eu de última e termos pasado moito máis tempo xuntas .
A súa sabedoría pareceume sempre infinda; sendo ela autodidacta, sabía de todo.
Foi unha nai sacrificada, entregada ás súas fillas e ao seu benestar. Deixounos en herdanza a idea de que unha muller ten que valerse por sí mesma, sen depender de ninguén.
Sufríu caladamente moitas circunstancias duras de soportar, froito da época e da sociedade nas que lle tocou vivir. Xunto a ela sufrín tamén eu, cada vez que a vía triste, cada vez que a sabía frustrada.
O día que me deixou, fiquei desorientada, desesperada, ca alma núa e o corazón encollido. Hoxe, despois de tanto tempo, sigo de loito por dentro. Quédame o consolo de saber que eu tamén son un pouco ela, a súa prolongación no tempo e no espazo, o elo seguinte da cadea, fortemente soldado co anterior. E a cadea non se rompe. Virán máis Elisas.

No hay comentarios: