Que o noso tempo na terra é limitado xa o sabía eu dende sempre. Ata profundei no estudo de como esta percepción da realidade se plasma na literatura e na arte. A literatura está pragada de referencias á morte e á vida como unha roda que nunca para. Ubi sunt? preguntábase Manrique a respecto dos tempos idos. "Tempus Fugit", outro tópico literario clásico, presente nas obras de Milton ou Proust... E os dous abundan na mesma idea: a fugacidade da vida.
Nesta pintura de Klimt, titulada "Hope", esperanza, en galego, represéntase á muller que agarda pola nova vida e á súa beira a morte, agardando á súa vez. Sempre gostei moitísimo de Kimt, pero esta obra paréceme tan inquedante que me produce certa sensación de desasosego contemplala. Algo tan fermoso coma unha nai embarazada, e á súa beira a caveira...
Aínda así o cadro paréceme moi fermoso.
Hai outro do memo autor que me provoca idénticas sensacións: "A Árbore da Vida", en cuxo centro se sitúa o paxaro mouro símbolo da morte.
Coma unha maneira de espantar os medos ocultos, colguei unha réplica do cadro, pintada excepcionalmente ben ao óleo, presidindo o salón da miña casa.
Cada vez que ollo o paxaro tento evitar a súa mirada, e concentrarme nas voltas e reviravoltas dos deseños da árbore, na parella que se abraza apaixonadamente, na muller que agarda con esperanza.
No hay comentarios:
Publicar un comentario