Boto de menos a fogueira de San Xoan que faciamos na buqueira da aira xunto cos veciños de porta. Aínda que as nosas familias sempre se levaron mal, a tarde de San Xoan supuña aportar para a fogueira comunal todo o que cada casa tiña para queimar, e faciámolo xuntos, para poder ter unha boa cacharela. Á hora de lle prender lume, no luscofusco, a ilusión nósa de nenos acadaba niveis paroxísticos. Aquilo de estar fóra sendo noite e ver as linguas do lume ir consumindo os paus, plásticos, palla, era máxico.
O outro veciño do barrio prefería facer a súa fogueira por separado, pero a súa era igual ou maior cá nósa. Se acaso viña máis tarde parolar un pouco connosco. Lembro un ano no que xa tiña a media tarde a fogueira preparada para a noite: enorme e perfectamente situados os materiais para que prendesen con faciliade. Os métodos do veciño este eran algo máis sofisticados e optou por lle botar ao redor gasolina para mellor arder. O meu pai, que tiña un xen pirómano, non se puido resistir e alí mesmo sacou o chisqueiro e lle prendeu lume, coma no "xogo do que antes chega antes encende". Non calculou o meu proxenitor o enorme alcance das lapas, que lle borraron as cellas da cara e o pelo dos brazos, a parte de facer que despedise un cheiro coma se acabase mesmo de saír do inferno... Así se presentou na casa e así tivo que sufrir as risas de todos nós ao velo aparecer coa camisa fruncida á altura da barriga, polo calor que a abrasou. Claro que esta experiencia non foi suficiente para facerlle comprender os perigos que encerran os combustibles fóseis, e anos máis tarde podiádelo ver encendendo o lume da casa cun soplete...
Volvendo ao día de San Xoan, nesa tarde recolliamos todo tipo de flores para botalas na auga dunha tina que tiña que pasar a noite fóra, collendo o orballo da noite. Á mañá seguinte lavavamos a cara con aquela auga, que se supuña milagreira.
Tamén engalabamos a casa con mariclocas (digitalis purpurea) para a protexer das influencias malignas que andaban soltas xusto nesa noite.
Pois boto de menos todo aquilo e agardo que alguén volte algún día a facer unha fogueira na buqueira da aira, dende a que se poden ver todas as outras fogueiras do pobo coma se dun antergo sistema de comunicación se tratase.
No hay comentarios:
Publicar un comentario