A estampa de Castelao fala por sí propia e non precisa de moitas aclaracións, mais eu quixer falar aquí da ambígua relación que os galegos teñen cos portugueses e viceversa.
Coma irmáns que son semellan condeados a non se entenderen de todo. Hai claramente unha atracción polas dúas bandas, mais non é dabonda como para achegárense dunha vez.
Cando viñemos vivir desta banda, teño que dicir que a nosa decisión causou estupor xeral: igualciño que se fosemos vivir a Tromheim!! Por que decidir vivir alí se podes vivir aquí? Pregúntanme. E por que non? Para min é unha oportunidade de aprender, de coñecer, de me enriquecer.
Por que seguimos a vivir de costas se compartimos tanto e se temos tanto que gañar e moito que perder se seguimos con esta actitude? É case esquizofrénica: na feira de Cerveira galegos e portugueses falan castelán para se entenderen! Ninguén quere ser quen é neste xogo louco: os galegos queren pasar por españois e os portugueses non queren pasar por recoñecerse no outro. Cando coñecín a zona do Baixo Miño fiquei abraiada de ver as poucas influencias lusófonas na variante do galego que aquí se fala: hainas, mais realmente son escasísimas se temos en conta que só nos separa un río!!! Semella que hai oposición activa a deixarse influír polo outro.
Non se trata de botar culpas, xa que eu acho que as dúas partes teñen responsabilidade nesta situación, mais tamén recoñezo que hai moito máis rexeitamento galego ao portugués que ao revés.
Non hai que estranarse: como non ha de haber rexeitamento cara ao outro cando os galegos son os primeiros en rexeitárense a sí mesmos? Igual é que son fenómenos intrínsecamente unidos e só cando os galegos recuperemos o amor propio, a identidade e a dignidade ( si, perdémola ) será que apreciaremos máis e mellor aos nosos irmáns portugueses.
2 comentarios:
Sabes que hai anos cando empezou a emitirse Mareas vivas (de Portozás) os de Tui rexeitábanna porque dicían que falaban coma os portugueses? (polo seseo supoño).
Meninheira: o que lles pasou aos de Tui é que tiveron unha "reacción autoinmune", que non só lles pasa aos de Tui. Os galegos nonos recoñecemos a nós mesmos e atacámonos.
Publicar un comentario