lunes, 21 de julio de 2008

"Naicinha"


Atopei esta imaxe na rede e non puiden resistir a tentación de poñela aquí xa que me impactou a escea. Certo é que levo un par ou tres de anos moi sensibilizada co tema da maternidade, e todo o relacionado con ela. Pero non me digades que a imaxe non ten forza dabonda como para que fiquemos coa vista prendida nas caras destas dúas mulleres. Supoñemos que unha é a nai, anque parece xovencísima. A cría está encantada coa idea de pousar para a foto; a nai nono parece tanto. Quen sabe, quizais será unha de moitas nais solteiras daquela época na que semellante sorte traía aparellada a discriminación e o rexeitamento social; por iso, quizais, a expresión dura na súa face.
Pregúntome que é o que fai que inmediatamente pense que é unha fotografía doutrora. A cor? a vestimenta? O fondo? Todo xunto máis ben, fálanos dun tempo difícil para as mulleres na Galiza, tanto nais como fillas. Submetidas á dominación machista por completo, cargadas coa responsabilidade de criar grande cantidade de fillos, de traballar a terra, de ser boas amas da casa...
Cantas veces lle ouvín dicir ao meu veciño de porta que se as rapazas e rapaces da miña xeración tivesemos que pasar por aqueles tempos, sen dúbida ningunha preferiríamos "colgarnos". Eu non diría tanto, porque sei da grandísima capacidade do ser humano para se enfrentar ás máis difíciles circunstancias, pero non podo menos que agradecerlles o traballo feito para que nós, herdeiros deles, vivamos mellor.

4 comentarios:

♥ meninheira ♥ dijo...

É unha foto preciosa, unha mociña labrega coa pel torrada polo sol e cuns ollos claros preciosos. :)

Anónimo dijo...

Meninheira, alédome de que che gustase a fotografía. O certo é que mirándoa unha recoñécese nela como nai, a pesares da distancia no tempo. O paralelismo da experiencia da maternidade dáse entre todas as culturas e en todos os tempos. Na cara da nai hai un algo de dureza, de tristura quizais, que me magoa.

♥ meninheira ♥ dijo...

Non só semella triste senon que está como ausente, se te fixas a nena mira de fronte e sorrí e ela está noutro lugar, non te parece?

E miraches as máns de traballadora que ten? ainda que a vestiras de princesa esas máns delataríanna, e a pel tan torrada, claro.

(oes, e a tí porque é que che sae o nome sen a ligazón?) :)

Proida dijo...

Boa pregunta...
Non teño nin idea, Meninheira.
A respecto da fotografía, tamén teño tentado imaxinar o nome destas dúas mociñas.Daquela había moitas Josefas, Franciscas, Dolores,Rosarios...