Sei que os de meiregos non estarán dacordo comigo, mais para min O Río segue a nacer na Fontemiñá, que quer dicir "a fonte do río Miño" e que non deixa lugar a dúbidas. Se a iso engadimos que se trata dunha verdadeira fonte, onde se ve como as burbullas de auga brotan das profundidades, temos polo menos un dos nacementos do río Miño. Claro que non conta co caché que dá nacer baixo a morrena dun antergo glaciar, como ocorre no Pedregal de Irimia, o suposto verdadeiro nacemento do río; pero eu gosto máis da Fontemiñá, que para iso está na Pastoriza, o meu concello de nacemento.
Sexa como for, tampouco son incompatíbeis as dúas teorías: as augas primixenias do río, que brotan no Pedregal de Irimia, veñen baixando a montaña e bañando a vila de Meira para unírense logo ás da Fontemiñá.
Adoito situarme mentalmente na Fontemiñá e na Serra de Meira, e percorrer a xeografía galega como o fai o Pai Miño, ata chegar aquí, a estas terras, que para os galegos son o Baixo Miño, pero para os portugueses son o Alto Miño. Dúas maneiras de ver as cousas ben distintas, e tamén dúas maneiras de mirar o río: as vilas galegas fronteirizas dánlle bastante as costas mentras que as portuguesas o miran de fronte. Vése na disposición das casas, en como se organiza a vida ao redor do río. Quizais sexa porque só os galegos sabemos o envelenado que baixa xa dende o seu nacemento, onde periódicamente unha empresa transformadora de leite, vai soltando soros lácteos que matan todo canto no leito do río aniña... Nunha ocasión servíronme un bacalhau en Valença que supostamente fora desalado no río: a información do camareiro, lonxe de me deixar tranquila, fíxome mirar con certa desconfianza para o prato...
Pero o Río todo nolo perdoa e rexenérase por sí só unha vez máis. Dende a miña xanela ofrece unha vista magnífica da Illa da Boega, cunha forma que se me antolla de corazón. O río acompáñame e faime sentir na casa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario