Ata os meniños pequenos saben que estamos en crise!!! Un neno do meu colexo díxolle ao seu profesor de Educación Física que nono amolase que "estamos en crise". Parece que a crise se converteu en tema habitual de conversa entre a "xente corrente", xa sabedes, o común do populacho. Conseguiron por fin que todos teñamos o convencemento de que estamos en crise, que nos sintamos vulnerábeis, ameazados, e que miremos esperanzados á caste política, que grazas ás súas inxeccións millonarias de diñeiro á banca ha conseguer sacarnos da situación...
En xeral non entendemos de qué vai esta crise. A xente corrente, entre a que me inclúo, non temos formación económica da que botar man para entender en qué consiste o desastre. Ou iso ou é que alguén nos está a enganar...
Aquí en Portugal, como levamos máis de dez anos en crise, como saber onde acaba unha e comeza a outra? um... O que si parece que está a ocorrer é que cada vez máis xente queda sen emprego, que o ambiente nas empresas está enrarecido, que a conflictividade social comeza a ser maior...
Supoño que algo farán os que nos gobernan para evitar que haxa unha explosión social no vello continente, anque sexa enchéndolles os petos ós accionistas dos bancos. É incríbel que agora esteamos a asistir á nacionalización da banca, ou case, nalgúns países europeos e tamén nos Estados Unidos. Quen o ía pensar!!!! U-los teóricos do liberalismos económico salvaxe, militantes moitos dos partidos políticos que nos gobernan? Por que non nos explican de que vai isto?
Estará o sistema económico ferido de morte ou será somentes un reaxuste necesario a estas alturas da historia? Tería razón Marx cando no seu Das Kapital pronosticaba a fin do capitalismo? Segundo el, a loita de castes será a que faga caer o sistema, e aquí o que parece é que algúns foron avariciosos demais, pondo en perigo mesmo o sistema que os fai inmensamente ricos, todo isto alleo totalmente á loita de castes. E é que as castes traballadoras parecen ser as primeiras defensoras dos "plans de rescate" dos bancos e os banqueiros.
Agora polo visto Sarkozy quere "refundar" o capitalismo, e seguro que é capaz... anque hoxe soubemos que un pirata informático estivo usando a súa tarxeta de crédito a traveso da rede e sen que o mandatario se dese conta. Non sei eu, non sei eu.
O caso é que é emocionante ir traballar cada mañá escoitando as novas na radio do coche, coa orella ben atenta por se anuncian a banca rota do estado, o estado de sitio, a fin do capitalismo ou, quen sabe, que Garzón senta no banco dos acusados a Fraga logo de pedir o certificado de defunción e ver que aínda está vivo. Cousas máis raras se teñen visto.
No hay comentarios:
Publicar un comentario