Xa non podo resistir máis a tentación de escribir "en contra" da ministra de defensa deste país. Estiven conténdome durante todo o tempo que durou a fin do seu embarazo, a súa baixa maternal e a súa incorporación ó seu posto. Pero ist o xa é demais! Ata onde quer levarnos o PSOE?
O seu nomeamento á fronte do ministerio de defensa, tendo en conta que é a primeira muller en acceder ao cargo neste país, foi xa motivo de ríos de tinta e de longas horas de tertulias radiofónicas. Presentóusenos por parte do partido gobernante, disque de esquerdas, coma un avance da muller no campo das igualdades con respecto ao home. Imaxino que a unha pequena parte da militancia que aínda lles queda dentro do PSOE, comprometida co pacifismo e co feminismo, non lle debeu resultar moi doado de entender o razoamento, igual que non mo resultou a min. Tampouco lle debeu resultar doado de entender á banda máis nacionalista do PSC catalán, partido no que a Carma milita e polo que se presentou ás eleicións e accedeu ó Parlamento pola provincia de Barcelona. Digo, non lles debeu resultar doado de entender que asumira precisamente o Ministerio de Defensa, ao cargo do exército español, cuxa función principal consagrada da Constitución, xa sabemos cal é. Ter que ver a ministra berrando "Viva España!" e "Viva el Rey" ténlles que dar noxo aos máis catalófonos do PSC.
Moito menos deberon entender dentro do seo do exército, institución machista onde as haxa, que lles impuxeran de xefa a unha muller, e aínda por riba, preñada. Imaxino que o que peor leva o exército é ter ós seus soldados expostos a unha morte máis que posible en territorio afgano debido a que foron enviados " en misión de paz ", coa conseguinte falta de dotación para facer a guerra. Así van caendo, branco fácil dos afganos máis molestos ca presenza de tropas invasoras estranxeiras no seu territorio, disque baixo o abeiro da lexitimidade internacional. Nestas horas últimas é probable que lles repugne a actitude da ministra, que mudou de argumentos e agora asegura que os afganos nos ameazan a todos e que estamos alí para lles facer a guerra.
Pero quen é seguro que non entendeu nada con este nomeamento e a actitude da ministra Chacón é todo o conxunto de mulleres feministas que pensamos que a igualdade da muller con respecto do home non se ten que conquerir a base de igualalo naquilo que de negativo ten, é dicir: na súa agresividade guerreira, na súa competitividade enfermiza, na súa falta de sensibilidade, etc. ( podería seguir). E moito menos se conquire a igualdade dando o exemplo bochornoso de vendernos o valor de chegar a ministra á conta de sacrificar o dereito de todo neno de curta idade a permanecer ca súa nai un mínimo de tempo que lle garanta poder ser aleitado, coidado e protexido por ela. Vendernos, ou pretender vendernos ás demais mulleres que a igualdade consiste en incorporarse ó traballo ás dezanove semanas de baixa maternal despois de ter parido, e deixar o fillo aparcado na gardería de turno, é UN INSULTO, e sobre todo é COLABORAR CO SISTEMA PATRIARCAL que, por suposto, defende máis ós empresarios, abrumadoramente homes, que ós dereitos das mulleres e nenos. Nos países do norte da Europa, supostamente os máis desenvolvidos do mundo a nível social, que contan con maiores coberturas, garantías etc. as baixas maternais son dun mínimo dun ano, e non só as collen as mulleres!!!! E as garderías son evitadas coma o lume se hai outra posibilidade alternativa para a crianza!!!!
É este o modelo social que quere este goberno para nós? Esta a igualdade? Trátase, como pide Quintana, de máis garderías? ou como pide a CIG, de escolarización obrigatoria ós 3 anos? Trátase, nin máis nin menos, de trocar o lugar ó que está prendida a nosa cadea: da cociña para os outros ámbitos onde nos movemos, nin máis nin menos. E todo isto coa colaboración ben activa de indivíduas coma a Carma Chacón e outras mulleres que, unha vez acadan postos de responsabilidade, debía de ser para aproveitarse da súa posición e mudar a realidade para mellor, abandeirar os nosos dereitos, e non para machacarnos aínda máis.
Eu, que son muller, pacifista convencida, de esquerdas, nacionalista e nai, sufro todas estas afrentas xuntas na miña carne cada vez que os escoito, os leo ou os vexo. E énchome de carraxe ao ver que non hai alternativas políticas realmente orientadas á defensa dos dereitos máis básicos tanto de homes como de mulleres.
E pola que vai non semella que vaiamos ver nada distinto nun período curto de tempo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario