lunes, 1 de diciembre de 2008

"Quitapenas e Día da Independencia de Portugal"



Hoxe merquei dúas bonecas quitapenas na tenda "Cogomelo", que está na Praça do Terreiro, en pleno centro de Cerveira. Alí teñen todo tipo de cousiñas bonitas para aledarlle o día a alguén. Merquei unha para min e outra para a miña nena, quen moi a miúdo recorre á expresión "estou triste", para expresar a frustración que sente cando non pode facer aquilo que quere no momento en que o quere. Estou para lla dar agora, antes de se ir durmir. Xa lle falei destas bonequiñas quitapenas e parece que lle gustan. Isto de poder amosarllas na internet antes de lle dar a súa, permíteme certos luxos como preguntarlle se quere unha antes de facer que máxicamente apareza no meu peto... De momento xa me deu dous bicos por ver se así se obra a maxia. Seguirei tirando deste fio, que quen sabe cando volvo ter tantos bicos ...
O caso é que hoxe Portugal celebrou o seu Día da Independencia (de España, por certo). No 1668 o país conseguiu librarse do dominio que España tiña exercido durante 60 anos da man dos monarcas da casa de Austria Felipe II e o seu fillo Felipe III. En realidade é isto o que vos quería contar, e xa vedes. As quitapenas teñen relación co Día da Independencia só porque foi hoxe que as merquei, nada máis. Na tenda a dependenta comentou que cecáis aos dous países lles fose mellor se nunca se houbesen separado. Por suposto amoseime coma unha iberista fanática.
Logo falamos dos dous gobernos, supostamente de esquerdas, que teñen os dous países e que nos toca sufrir aos dun lado e doutro da fronteira . Ela tentaba falar español e eu tentaba falar galego. Cheguei á conclusión de que aos portugueses o galego parécelles castelán, así que non hai que darlle máis voltas: todos falamos castelán, dun lado e do outro.
E nada máis; isto é o que vos quería contar hoxe.
Saúdos nun dos días máis fríos e escuros desta beira.

No hay comentarios: