viernes, 13 de febrero de 2009

"Néboa en Cerveira"

É un deses días en que o Río paga o seu tributo ao sol, ofrecéndolle parte da súa auga e cubrindo así de néboa todo canto fica ao redor: Cerveira e Caminha do lado dacó, e Tomiño, o Rosal e a Guarda do lado daló. Só dende este outeiro somos quen de obter esta fotografía. Por fin se ule a primaveira! Os días son máis longos, as árbores comezan a botar flores e mesmo os paxaros se atreven a cantar!!! Como lles explico aos meus alumnos, o eixo do planeta está oscilando dende o punto máis cercano ao Sol (solsticio de inverno, cando vai máis frío porque os raios do Sol baten perpendicularmente na Terra e moita da súa enerxía pérdese no espazo) ao punto máis lonxano (solsticio de verán, que paradóxicamente é cando vai máis calor... no Hemisferio Norte, claro! Sempre tan "relativistas"...). Isto é o resultado da "nutación" do planeta e, como sabedes, dá como resultado que teñamos catro estacións. Polo visto, a nutación do eixo terrestre, prodúcese pola forza da lúa sobre a Terra, nun delicado equilibrio.
Por iso, porque sabemos da influencia da Lúa, observámola dende a nosa aula cada día, e nesta semana está minguando, que o saibades. A lúa vai freando ao planeta no seu movemento de rotación a razón de 15 segundos por cada millón de anos, debido ás forzas da marea sobre ela, mais non é razón para preocuparse demais... de momento.
O caso é que parte da auga que caeu toda esta tempada agora terá que se evaporar, grazas aos raios do Sol, e volver á súa casa, aló arriba.... tan só para volver baixar!!! Isto é o ciclo da auga, pero a ese tema aínda non chegamos...
Xa sei, xa sei, podo ser algo pesada co tema: de facto, os meus compañeiros últimamente están a suplicarme que non fale máis do espazo exterior, do Sistema Solar, dos satélites artificiais, dos planetas terrestres e gasosos, das galaxias, dos asteroides, cometas, dos buratos negros... xa, xa!!! é que eu son unha mestra temática!

No hay comentarios: