lunes, 23 de febrero de 2009

"Re-coñecendo Portugal II: Amarante"

Esta vez tocoulle a Amarante, vila situada no Val do Támega. En plenas celebracións do Carnaval, atopamos unha vila chea de xente, que agardaba polo desfile de primeira hora da tarde.
Logo de xantar un prato típico da época e do lugar, o arroz de lamprea ( por certo, teño que escribir algo sobre a lamprea, que é un peixe ben peculiar), adicámonos a descubrir esta pequna xoia do Támega.
O desfile de Carnaval incluíu tambores, comparsas de tódalas clases e sobre todo, moita, moita xente que agardaba nas beirarrúas ao paso do desfile e que logo se unía a el.
A que populares cabinas telefónicas vos lembra esta de Amarante? Tradicionalmente, ingleses e portugueses mantiveron vencellos debidos ás alianzas políticas dos dous países, polo interese do tradicional inimigo dos españois e franceses, Inglaterra, en colocar un pé neste lado da Europa. As pegadas deste vencello están presentes non só na aparencia das cabinas de teléfono da PT senón mesmo no formal carácter da xente.

Desgraciadamente, Portugal é tamén pasto dos intereses especulativos das grandes empresas da enerxía, coma a EDP, e nin o seu goberno nin os representantes políticos das distintas administracións son quen de lles parar os pés. Neste caso, o goberno ponlle en bandexa á EDP a posibilidade de destruír o río Támega, os ecosistemas aos que dá acubillo e o futuro das poboacións polas que discorre, ademáis de colocalas nun serio perigo. Trátase da construcción dun encoro a uns 6 kilómetros de distancia de Amarante, de máis de 100 metros de parede. O río Támega discorre por unha zona de grandes fracturas de fallas, que, coa presión da auga do encoro, poderían ter o risco de producir tremores de terra. Tamén está o risco de posible rotura ou accidente no encoro, que levaría por diante á poboación enteira.
As políticas enerxéticas actuais determinan que só os países subdesenvolvidos arruínan os seus ecosistemas fluviais con encoros, xa que é moito maior o que se perde ca o beneficio. Tan só obedece a intereses especulativos duns poucos, e non ao interese xeral. Disto sabemos moito na Galiza, así que dende aquí solidarizámonos con toda a poboación da zona e apoiamos as súas medidas de protesta para evitar que o encoro ( ou barragem ) chegue a construírse (http://poramarantesembarragens.blogspot.com/).

Nesta fotografía só se intúe a Ponte de Sao Gonçalo, monumento nacional que cos seus 50 metros e tres arcos une as dúas partes do pobo. Infelizmente o pobo non puido ser aínda peatonalizado e a presión dos coches sobre as persoas que pasean tranquilamente polas estreitas rúas e pola ponte de Sao Gonçalo, é case insoportable. O que non sei é se realmente sería factible peatonalizar a vila, ou polo menos a parte de rúas máis estreitas e antigas, mais viríalle moi ben.

O Convento e Igrexa de Sao Gonçalo, xunto á Igreja de Sao Domingos encerrann unha praza principal que se abre ao río, que vertebra e artella toda a estructura da vila, ademais de constituír a súa principal riqueza e atractivo.


Igrexa de Sao Gonçalo, que xunto ao Convento forman un monumental conxunto construído no século XVI e adicado a Sao Gonçalo, que se estableceu en Amarante logo da súa peregrinación por Roma e Xerusalém, durante o S. XIII. Trátase dunha igrexa cuxa grandiosa fachada ten tres corpos, dous renacentistas e un barroco. O convento anexo ten dous claustros, e nun deles un monumental chafariz.


Amarante é a vila de nacemento do escritor Teixeira de Pascoaes ( 1877 - 1952 ), un dos escritores máis influíntes da literatura portuguesa do século XX, venerado por Pessoa e moi coñecido nas revistas literarias españolas da época. Influíu na obra de Antonio Machado e intercambiou correspondencia con Unamuno ou Lorca. Teixeira é o mellor representante do chamado "Saudosismo"( tamén falaremos del). Esta escultura de Teixeira atópase diante do Museo adicado a Amadeu de Sousa-Cardoso, outro amarantino famoso, pintor cubista moi importante en Portugal.
En conclusión, visitar Amarante é sempre unha boa opción para calquer galego que queira coñecer algo máis deste país irmán.






No hay comentarios: