viernes, 17 de abril de 2009

"A ecoloxía das linguas", de Manolo Rivas (2006)



A ecoloxía das linguasAs linguas non pesan. Non son un lastre para quen as leva. Pola contra, son elas as que levan o peso da historia enriba da cabeza. Móvense por unha sorte de enerxía interior, alternativa. O xeito en que traballan as verbas, a maneira de elas viviren, é moi semellante á relación que ten a avelaíña coa lámpada na noite. Porén, malia non ter peso, as linguas pertencen á natureza. Mesmo son o enxerto máis logrado e actúan coma o pole para a semente. Verbo desa fecundación, quixera lembrar que na lingua galega os seres máis nomeados son dous cativos coleópteros. O vagalume (de nome científico, lampyris nocticula) é chamado de máis de cen maneiras diferentes e algo semellante ocorre coa xoaniña (coccinella septempunctata). O vagalume emite luz. A xoaniña, coa súa forma esférica e sete puntiños mouros sobre o vermello dos élitros, trae a boa sorte se se pousa na man. O vagalume e a xoaniña escasean agora por mor dos herbicidas.Unha lingua é comparábel a un senlleiro ecosistema. Se sentimos noxenta a queima dun bosque amazónico ou a seca dun río, cómo ser insensíbel ante a vida das linguas!Non hai fotografías das linguas feridas, das verbas fanadas, mais cada unha desas perdas deixa un cráter na boca da humanidade, unha chaga na gorxa da historia. Se tiveramos esas imaxes, serían estarrecedoras. Porque as linguas non son abstraccións nin simples artificios gramáticos. Teñen corpo e alma, que non van esgazados o un da outra.A vida das linguas é unha metáfora das nosas vidas.Hai dous espazos contrapostos no fondo submarino das rías galegas. O que os mariñeiros chaman almeiro, os lugares de cría e desove, un erótico leito de cores, e aqueloutro que chaman a marca do medo, as furnas do baleiro onde domina o silencio e os peixes non entran pola memoria do esquilmo. Cada lingua é un almeiro fronte a marca do medo, un viveiro fronte o baleiro uniformizador.Entrado o século XXI, hai dous eixos nos que basear a civilización: o cultivo dos dereitos humanos e o da bio-diversidade no mapa da natureza e das culturas. Eses dous cultivos están entrenzados e son hoxe a primeira proba de civilización, de calidade democrática.Por que o vagalume e a xoaniña eran os seres máis nomeados? Quizais polo instinto das linguas, á procura da luz e da sorte.

Manuel Rivas

No hay comentarios: