Son estes, días de apuñalamentos políticos no seo do nacionalismo galego, de tomas de posesión con fondo de gaita, de axustes de contas en forma de derogación de decretos e desaparición de galescolas e, por riba de todo, días de agardar o turno na oficina de emprego e de peches e deslocalización de fábricas. O panorama é todo menos optimista.
Mais hoxe quero falar de Ramón Piñeiro, quen conforma un homenaxado das Letras Galegas deste ano difícil de traballar nas escolas, lonxe como está o sistema educativo do compromiso que Piñeiro adquiriu ca súa vida e obra. Piñeiro non escribiu contos para nenos nin versos sonoros de rimas sinxelas, co cal houbera feito felices a centos de mestres e mestras que nestes días nos debullamos a cabeza á procura de actividades para realizar cos rapaces ante a proximidade da folclórica festividade. Piñeiro era dunha pasta distinta á doutros homenaxados e quen queira asumir o compromiso coa súa obra no ámbito do ensino, seguramente se expón a ser calificado de extremista lingüístico e radical nacionalista, dada as correntes de reaccionarismo ideolóxico e de pensamento único que percorren este país nos últimos anos onde non falta quen crea que cando un galego se expresa na súa lingua en realidade o que está é impoñéndoa por riba do castelán.
Moito debía saber Piñeiro de apuñalamentos políticos no seu tempo, e moitas puñaladas debeu recibir: puñaladas políticas e puñaladas literarias. Acusado de traidor vendepatrias e ata de axente da CIA, Piñeiro trocou o seu activismo político no seo do Partido Galeguista por un activismo distinto, anque igualmente necesario para calquera pobo cuxa persoalidade e entidade propias e distintivas están en perigo : o culturalismo.
Galiza, polas súas condicións económicas e sociais ao longo da historia, non é un país ao que lle sobrasen nin lle sobren intelectuais, anque si políticos profesionais, se ben hai que ter en conta que o perfil persoal e político da época da República e posteriormente de quen durante o Franquismo se adicou na clandestinidade a traballar para a volta á situación democrática, é totalmente distinto ao actual. Non me fai feliz comprobar que nos partidos políticos máis pretendidamente comprometidos co cambio social, máis revolucionarios en termos de cambio a todos os niveis, atopan acubillo os máis mediocres personaxes, desposeídos de mérito intelectual ou profisional algún e cuxa imposible supervivencia fóra do partido fai que se agarren aos seus postos, unha vez acadados, coa forza dunha lapa á rocha.
No seu momento Piñeiro viu a necesidade de lle proporcionar ao pobo galego un corpus lingüístico, cultural e literario que tiña que ser "producido" dende instancias distintas ás do propio partido Galeguista, cuxos dirixentes, no exilio, viron con incomprensión como o de Láncara abandoou a trincheira política pola frente cultural creando Galaxia, a nosa grande editorial.
Nacida dun soño que difícilmente se podía materializar dende un partido político proscrito e perseguido polo franquismo, cuxas actividades eran atentamente vixiadas e cuxos membros eran severamente represaliados ( como ben sabía o propio Piñeiro, quen probou en carne propia o significado de amar o país en tempos de Franco ), a Editorial Galaxia tiña que ser creada, pola necesidade fundamental de evitar que as letras e a cultura galega ficasen esmagados completa e definitivamente pola brutalidade do réxime: era preciso recuperar para a lingua galega a súa significación histórica e o seu valor cultural, tanto na creación como na transmisión do pensamento, así como darlle unha dimensión europea e universal, tarefa imposible de realizar naquela altura dende a esfera da política.
Certo que Ramón Piñeiro terá neste mes de maio o seu momento de merecidísimo recoñecemento, grazas á decisión dunha institución tan necesaria como escasamente efectiva no proceso de normalización e normativización da lingua galega, a Real Academia Galega; porén, teño a impresión de que a labor de Piñeiro non se paga nin se recoñece xustamente só con lle adicar o Día das Letras Galegas: nos textos literarios e ensaísticos dalgúns e nos discursos políticos máis actuais doutros, Piñeiro aínda permanece maldito. Mais aínda hai algo peor a respecto de Ramón Piñeiro: a grande maioría da sociedade galega, permanece perfectamente ignorante da súa existencia e do seu traballo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario