Onte procuraba información sobre como construír un reloxo de sol dunha maneira sinxela, e é que os meus alumnos e eu estamos traballando o tema do tempo cronolóxico. Boa falta me fai tratar este tema dende un punto de vista máis "científico" e menos dramático, xa que o paso do tempo deuse en converter no meu grande problema: inexplicablemente, a miña percepción do tempo mudou dende que cumprín os trinta e teño, cada vez con maior frecuencia, a sensación de que o tempo foxe de min. Agora din en contalo polas fases da lúa e non hai día que non me asegure de que, efectivamente, a lúa mingua e medra conforme a como o ven facendo nos últimos milenios, proba irrefutábel de que o problema non é cósmico senón máis ben persoal.
Porén, non quero levar o tema do tempo ao terreo persoal, senón que quero comentar unha curiosidade que atopei onte na Rede. Trátase do reloxo da fotografía e chámase "reloxo anular" ou "benedictino". Non é a primeira vez que o vexo: naquela serie de debuxos animados de Willy Fog, na que este daba a volta ao mundo, o seu compañeiro Tico adoitaba mirar a hora no seu reloxo anular. Lembrarédelo se sodes da miña xeración...
Pois aprendín que o tal reloxo foi inventado por un monxe benedictino aló polo século XI. Tratábase de dous aneis unidos entre sí; nun deles hai unha perforación pola que entraría o sol. Para saber a hora solar hai que xirar os aneis facendo coincidir o día co mes en curso. Ao suspendelo no aire, o sol entraría pola perforación proxectando a súa lúz nunha das marcas do anel, amosándonos a hora solar (que logo ten que ser corrixida segundo a latitude na que vivamos).
Tamén aprendín que a gnomónica é a ciencia que estuda a arte da construcción dos reloxos de sol, e que o "pauciño" que nos reloxos de sol proxecta a sombra sobre a hora en cuestión, chámase gnómon. Igualmente, aprendín que hai un monte de tipos de reloxos de sol e que hoxe en día hai artesáns que se adican á fabricación destes, en todos os materiais, tipos e tamaños.
Neste vídeo explícase como construír un reloxo de sol ( está en inglés ): http://www.wonderhowto.com/how-to/video/how-to-make-a-sundial-50485/
No hay comentarios:
Publicar un comentario