jueves, 14 de mayo de 2009

" A nova lei do aborto é progresista?"

Pregúntome que idea de progresismo ten quen pensa que pór ás mozas de dezaseis anos en mans das clínicas abortistas e dos carniceiros que as habitan é unha medida de apoio ás mulleres e á súa liberdade para decidir. Imaxino que é a mesma que inspira a quen redacta os textos informativos de "información afectivo-sexual" dos centros "Quérote" (http://www.querote.org/), que creou o Bloque na lexislatura anterior. O que non agardaba de maneira ningunha é que o Bloque acabase por lles proporcionar aos xoves formación e información afectiva... co pouco afectivos que son algúns dos seus dirixentes! (é broma). O certo é que ler a información que ofrece a súa páxina e algúns dos folletos que reparten, prodúceme arrepíos. Unha cousa é proporcionar información sobre anticoncepción e outra é facer proselitismo de tal ou cual opción sexual.
O de ZP é aínda peor. A reforma da actual lei de aborto, que estabelece unha lei de prazos, permitindo o aborto libre nas primeiras semanas de embarazo, sen se ter que acoller a suposto algún, introduce un aspecto que ao meu modo de ver é gravísimo, e ten que ver ca vulneración da patria potestade. A patria potestade é o conxunto de dereitos e deberes atribuídos aos pais ou proxenitores dun menor durante a súa minoría de idade; ten que ver coa educación e co mantemento dos fillos.
A patria potestade só pode ser quitada aos pais por parte do Estado por procedementos xudiciais, en orde a velar polos interese lexítimos dos menores, que se considerasen vulnerados polos pais.
A nova lei de aborto estabelece o dereito das adolescentes menores de idade a abortar libremente sen obriga nengunha por parte delas nin dos profisionais que leven a cabo o aborto na clínica legalizada a tal fin, de informar aos pais.
Isto é unha barbaridade tal que aínda me pregunto cales son os intereses reais detrás desta medida, xa que cunha medida así é evidente que se coloca ás menores nunha situación de indefensión e debilidade tremenda, privándoas da posibilidade de recibir o apoio familiar necesario para tomar unha decisión verdadeiramente libre e sopesada. Unha rapaza desta idade non é unha adulta aínda, por moito que teña relacións sexuais, e precisa de educación, control e seguemento por parte de quen ten a obriga de o facer, que son os seus pais. Cal é o razoamento de base que se fai para chegar á conclusión de que hai que deixar en mans da menor semellante decisión? Que os pais a obrigarán a seguir adiante cun embarazo non desexado? Que iso atentaría contra o dereito da adolescente a planificar a súa maternidade?
Pregúntome por que non pór o límite nos 12 ou 13 anos, idade na que, polo visto, cada vez máis rapaces e rapazas manteñen por vez primeira unha relación sexual. Cal é a diferenza? Tamén me pregunto por que non estabelecer entón a maioría de idade nos 16 anos.
O argumento repetido de que unha rapaza pode contraer matrimonio a partir dos 16 anos para min non ten valor ningún, xa que eu tampouco entendo como é posible que unha rapaza ou rapaz poida casarse a esa idade...
Só entendo semellante despropósito na presión cada vez maior da caste médica sobre os poderes públicos. As clínicas abortistas que funcionan neste país, con autorización do Ministerio correspondente, máis subvencionadas só en parte, levan anos instaladas na inseguridade xurídica de quen incumpre a lei sistemáticamente e vive en perigo constante de seren denunciadas. Así ocorreu no ano pasado, no que saíu á luz a cantidade de clínicas que levan a cabo abortos ilegais en condicións ilegais etc. Aínda teño por coñecer a primeira clínica que cumpra a lei ou a cumprise todos estes anos, en todas as materias, especialmente cando se trata de ofrecer unha información veraz sobre o que supón un aborto, para nai e feto, e como se leva a cabo. Por non falar da desconsideración total que hai cara ao que se considera un "amasillo de células" e que fica tirado en calqueira contedor de lixo, ás veces aínda vivo.
Con esta liberalización do aborto hai quen vai encher os petos coma nunca, e moito me parece que van ser os mesmos que xa se están a beneficiar da gripe porcina e da invención doutras enfermidades como a THDA, que xa foi convenientemente "extendida" e está a ser tratada polos psiquiatras infantís con "Rubifén", anfetamina últimamente recetada de maneira bastante alegre e que converte a nenos de 8 ou 9 anos en dependentes totais do Metilfenidato Clorhidrato, droga cuxas consecuencias e efectos secundarios empezaremos a ver nos vindeiros anos.
O verdadeiramente progresista, en materia de prevención de embarazos non desexados, non é esta reforma da lei do aborto, nin a venda libre da pílula do día despois, nin a "formación afectiva" ofrecida polos centros "Quérote" da Xunta. O verdadeiramente progresista é protexer a quen non pode facelo por sí mesmo, os nenos e nenas, e ás veces, o que cómpre é protexelos das propias institucións e do propio estado.
O Estado, neste caso, deixa ás adolescentes a mercede dos carniceiros que habitan as clínicas abortistas. Veremos as consecuencias.

No hay comentarios: