viernes, 26 de junio de 2009

"Morte de Rei"


Parafraseando o marabilloso libro de Darío Xohán Cabana, quero hoxe comezar o día adicándolle esta lembranza ao meu grande ídolo de xuventude, ao que me facía emocionar cada vez que o podía ver pola tele (daquela non había dvds) e con cuxas cancións aprendín inglés dende moi cedo. Morreu Michael Jackson, o Rei do pop, e iso lémbranos a todos que somos mortais, que ninguén se salva da negra morte que nos iguala. Parecía invencible, parecía sobrenatural, e velaí o seu feble corazón, que deixou de latexar esta pasada madrugada.
Aparte polémicas, o cantante e bailarín fixo historia en varios campos, incluíndo o feito de ter sido o artista que máis diñeiro leva dado a organizacións humanitarias, financiado máis proxectos de axuda no terceiro mundo e partillado máis o seu diñeiro con quen nada ten. Claro que isto non parece ter importancia algunha para quen sempre tivo como obxectivo desprestixialo a toda costa, inventando rumores ferintes e nomes insultantes, e incluso aproveitándose da súa cercanía para enriquecerse á súa costa acusándoo de pederasta.
A grande sensación de tristeza e baleiro que deixa a súa morte naqueles que o tiñamos entronizado, debe servir tamén para analisar a importancia enorme daquelas persoas que actúan como referentes a algún nivel, as que teñen o don do liderado. Non é en absoluto un feito banal que Michael Jackson tivese a capacidade de convocatoria coa que ningún líder político se atreve a soñar.
Michael Jackson era crente e afirmaba que a súa maneira de cantar e bailar era inspirada directamente por deus. Da mesma maneira, os seus fans, cremos nel coma se dun deus se tratase, e nunca o supuxeramos mortal. Parte das nosas lembranzas de xuventude están íntimamente vencelladas a Jackson; con el vaise tamén definitivamente esa parte da nosa vida, o vencello ao que nos agarrabamos fuxindo do tempo.
Dende esta beira dicímoslle adeus ao derradeiro Peter Pan e ao último gran fenómeno de masas que ficaba neste mundo globalizado.

No hay comentarios: