Estes días centos de ourizos perecen baixo as rodas dos coches no asfalto das estradas e estradiñas galegas. De costumes nocturnas, os ourizo-cachos, saen á procura do seu alimento e atópanse coa morte ao quereren cruzar para o outro lado da estrada. Moita pena me dan!
Lembro estar en Amsterdam e pasear por algunha zona arborada das aforas: ao longo todo das estradas que a cruzan hai redes de escasa altura que para min eran un misterio, ata que alguén me explicou que estaban postas para evitar que os ourizos se adentrasen na estrada e puidesen ser atropelados. Fiquei abraiada por tal revelación ante o grao de sensibilidade que os holandeses amosan por protexer a esta especie.
Estes días visitounos o da fotografía, dándonos a posibilidade de velo de perto: tan de perto que pensei que algo lle debía pasar a un ourizo que se deixa examinar e mesmo tocar sen fuxir, mais pensei que debía ser porque era inmaduro. Os meus fillos marabilláronse ante o animalciño e non querían deixalo só nunca, senón ficar con el, sentados na herba ao seu carón. Fíxenlles entender que os animais son libres e van onde eles deciden e que nós non temos por que molestalos, así que hai que deixalo estar tranquilo e só, coa promesa de volver velo ao día seguinte. Mais foi tarde, porque o atopamos inmóbil e cheo de moscas. A E. berrou de ledicia ao velo, sen comprender que a inmobilidade non se debía a que o ourizo estivese a durmir a sesta. Eu pedinlle silenzo e díxenlle que hoxe o ourizo estaba durmiñón e que nono podiamos molestar...
Logo saín cunha pa e arredeino dalí. Non é aínda tempo de falar da morte. Nin sequera da dun ourizo cacheiro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario