viernes, 21 de agosto de 2009

"Consulta médica"


A muller acudíu a toda présa ao hospital. O corazón batíalle no peito logo de subir ás carreiras a costenta rúa que levaba ao odiado lugar. Chegaba algo tarde, logo de dar voltas e máis voltas á procura dun sitio onde aparcar o carro.

Entrou polo corredor e ollou con desespero ao panel no que se indicaba en que andar estaba cada especialidade. O bedel confirmoulle que era no quinto andar. As portas do ascensor tardaron en se abrir, mais finalmente, foi quen de chegar nun tempo relativamente rápido.

Había xente agardando; os nervos fixeron presa nela e comezou a tremer de pés a cabeza. No fondo sabía que os síntomas non presaxiaban nada bo.

Por fin lle tomaron nota dos datos persoais e pasaron pola caixa a súa tarxeta de atención sanitaria; logo indicáronlle que agardase na sá de espera. Sorprendeuse de ver tantas mulleres agardando : a muller ao outro lado do fío telefónico pedíralle que acudise o antes posíbel á consulta xa que o doutor tiña que marchar ao mediodía. Conducira o máis rápido que puidera para chegar na media hora estimada. O peor tiña sido atopar un lugar para aparcar. Definitivamente, se houbese sabido que todas aquelas mulleres estaban antes cá ela, houbera ido con máis tranquilidade, e mesmo houbese podido almorzar cos seus fillos.

Agora todo daba o mesmo. Tratábase de agardar a súa quenda.

As facianas das súas compañeiras deixaban entrever candansúa situación; entretívose en imaxinar cal sería o motivo que traía á consulta á loira de corpo espectacular que miraba impaciente o teléfono, e á muller escura e baixiña que agarraba fortemente a man do seu compañeiro mentres os dous ollaban tristemente para o chan. Tamén había unha adolescente con cara triste, acompañada por quen parecía ser un pai máis que severo, calados os dous.

A súa situación era distinta: en canto o doutor a vise, ficaría tranquila e seguiría o tratamento indicado, sen máis.

Pasou máis dunha hora cando escoitou á auxiliar pronunciar o seu nome con ton inquisidor. Ergueuse inmediatamente e entrou na consulta do médico, que estaba a manter unha polo visto máis que interesante conversa telefónica. Tivo que agardar a que colgase para que por fin a mirase e comezase a facer unha serie de preguntas de forma totalmente mecánica: el preguntaba, ela respostaba. Polas súas respostas diríase que o seu estado de saúde era máis que bo: ningunha enfermidade, ningunha molestia, ningún medicamento, nada que falase de problema algún.

O doutor era un home xa maior, cunha longa experiencia ás súas costas, xulgaba ela. Por iso o disculpou, a pesares de non ser nin un chisco amable ou educado. Sabía da sobrecarga de traballo que tiñan que aturar os profisionais da sanidade. Deuse aínda certa marxe de confianza e pensou que seguramente se trataba dun deses médicos que parecen duros e impersoais, mais no fondo só é a máscara que cada día deben pór para conseguir sobrevivir a ese tipo de traballo. Agardaría para formarse unha opinión con máis fundamento.

Indicoulle que se desvestise de cintura para abaixo, e a enfermeira proporcionoulle unha bata. Logo pediulle que se tumbara no potro, abrise as pernas e deixase caer o cu. Mentalmente deu grazas a deus por se ter depilado uns días antes. Só unha muller pode comprender a vergoña que se pasa nunha situación así e o importante que é que o médico en cuestión inspire confianza.

Introduciu o aparello pola vaxina da muller, que inmediatamente comprimiu os músculos vaxinais, facéndoo aínda máis desagradable.

- "Vas a abortar".

As palabras soaron definitivas, altas e claras. A muller ficou abraiada.

- "... a non ser que esteas embarazada de menos tempo do que dis."

Isto último díxoo mirándooa inquisitivamente. Ela negou coa cabeza.

O doutor sacoulle aquilo da vaxina, apagou o ecógrafo e díxolle que se vestise. Axudada pola enfermeira, foi ao baño, dobrada pola dor abdominal.
Pechouse por dentro e deixou sair as bágoas que lle nubraban a vista, fervendo pola cara abaixo. Estivo así uns intres, apretando fortemente o ventre.
Logo vestiuse a modo.

Enxugou a cara e saiu á consulta do médico, que, impasible, lle deu uns volantes para unhas análises e lle indicou que volvese á semana seguinte.

A enfermeira acompañouna á saída e tramitoulle a cita para o día acordado, sen mirala nin unha soa vez.

Agora si, xa non agardou consolo ou compaixón por parte daquela xente que parecían os traballadores dunha cadea de montaxe dunha fábrica. Entrou rápidamente no ascensor e aínda máis rápidamente abandoou o hospital. Só unha vez dentro do carro é que se entregou completamente ao pranto que xa facía tempo que a invadía por dentro.

E é que este non é mundo para quen precisa de consolo.

No hay comentarios: