Igual que Pepiño non quixo intervir nas eleccións americanas durante a campaña electoral ( ante a pregunta, díxolles aos periodistas que prefiría non opinar ata que se coñecesen os resultados, non fora ser que a súa opinión influíra decisivamente no electorado...), eu prefirín gardar silenzo sobre o tema do feísmo urbanístico galego ata que a temporada turística de verán rematou, por se os potenciais turistas lesen este blogue e decidisen cambiar de destino!
Porén, xa é boa hora que vos diga que o que dende esta marxe do Río se ve é simplemente horroroso; cada día que vou traballar e cruzo o incomparable pobo de Porriño, me pregunto que é o que veñen buscar á Galiza turistas procedentes, por exemplo, da Franza. No país veciño teñen pobos cuxa beleza non desafía, nin de lonxe, o máis bonito dos nosos, e dígoo con moita dor de corazón, que conste. Cómpre sermos obxectivos e recoñecermos primeiro os nosos erros para poderlles pór algún remedio, e eu adoito ser moi sinceira con respecto a unha das razóns polas que eu e a miña familia prefirimos retirarnos a este lado do Río.
E é que o planeamento urbanístico das nosas vilas e cidades ten sido tan caótico e estado tan suxeito aos intereses persoais e partidistas dalgúns individuos indesexables que esta nai patria pariu, que prácticamente non queda recuncho algún en todo o país que sexa medianamente recuperable para o bo gusto en termos estéticos e para a cualidade de vida en termos económicos e sociais. E é que calquera se pon agora a planificar digamos, Vigo!!! A densidade de poboación , e portanto de edificacións, cuxas características as fan totalmente inaxeitadas para o espazo que ocupan, fai que sexa imposible a estas alturas restituír a dignidade á máis poboada das nosas cidades. Que dicir de Lugo ou de Ourense e das últimas actuacións urbanísticas? E das nosas costas máis visitadas, as Rías Baixas? Atreveríase alguén a dicir que as vilas do Morrazo ou do Salnés son un exemplo de urbanismo? Que teñen de distinto, de propio ou que encanto encerran Cangas, Moaña, Sanxenxo ou O Grove? Moito cartel sobre os premios á excelencia turística que levan recibido e logo chega un alí e atópase cunha morea de formigón encostado contra o mar, de alturas imposíbeis e estética espantosa.
Calquera compatriota que teña viaxado algo terá que concordar á forza conmigo; non hai mellor perspectiva cá aquela que permite ver o bosque no seu conxunto, anque xa sabemos que hai árbores formidables polos que vale a pena adentrarse (aquí, o exemplo que todo galego pon, anque sexa do PP, é Allariz).
O peor desta morea de despropósitos encadeados é que estamos a vender o futuro dos que nos sucederán. Un territorio sen ordenar é un problema non só estético, senón fundamentalmente económico. Cómpre decidir cales son os usos que van ter os terreos e facilitar así a actividade económica. Por falta de espazos apropiados é que está a fuxir o capital empresarial cara a Portugal! Como se nos puideramos permitir este luxo! Por non falar do problema histórico da concentración parcelaria, que aínda non foi feita en moitos lugares (anque xa viría tarde) e que impediu e impide o desenvolvemento digno e sostible da actividade agraria. É desesperante ver como as mellores terras de producción, traballadas con tanto esforzo polos nosos pais e avós, se deixan de cultivar e se adican a plantacións forestais, apedrando os froitos do esforzo de tantos anos.
O amor pola terra é o que me fai ser tan crúa nas miñas opinións, anque a cotío me custe os desafectos dos meus compañeiros de traballo cando destes temas falamos. O que máis me dá que ver é o gosto e a aceptación que temos desenvolvido a respecto deste tema.
Hai a quen se lle enche a boca contraargumentando que se non fose un país fermoso non virían os de Madrid, cada ano, como veñen, a comer marisco e bañarse nas nosas praias. Se ese é o turismo que queremos atraer, apañados estamos!!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario