lunes, 5 de abril de 2010

"Entre dúas augas"

Reflexiono no día de hoxe, o derradeiro da última serie de doces mañás familiares, de xantares tardíos e sestas alongadas que disfrutamos nesta chamada semana santa. Aínda non sei moi ben como é posible que nun país cuxa constitución consagra o laicismo, en certas alturas do ano temos que aturar imaxes de lexionarios a soster ensangrentadas imaxes seica sagradas, persoas a se bater a si propias nas costas como penitencia de non sei cantos pecados, e papas encubridores de pederastas bendicindo urbi et orbe, mais iso ficará para outra. Aquí interésame outro aspecto ben máis interesante, e valia a redundancia: a volta ás aulas.
Como se sentirán no día de hoxe os meus catorce alumnos de cuarto curso, nun luns sen fraccións e decimais, contraccións das preposicións cos artigos, nin ir mirar a temperatura á estación metereolóxica para logo anotala no climograma da aula? Botarán de menos estas rutinas escolares, que inclúen tamén aspectos desagradables como as miñas reprimendas cada vez que vexo un caderno descoidado ou un papel no chan ou os libros da biblioteca desordeados? Tamén direi, na miña defensa, e para alonxar rápidamente as nubes tormentosas do enfado da mestra cando verdadeiramente se enfada, que é posible que o que máis boten de menos sexa a asemblea diaria, de nove menos cuarto a nove, na que nos sentamos en cadanseu coxín a facer "fingerknitting", que é como se chama no YouTube, de onde tirei a idea: tecer la cos dedos, sen necesidade de agullas de tecer. Estamos a tecer unha alfombra colectiva nos quince minutos diarios que lle adicamos a tal tarefa antes de comezar a darlles duro ás divisións de dúas cifras e aos problemas de´dúas operacións. Mentras tecemos, Y. lenos algún capítulo da Alicia naquel seu país, ou dalgún príncipe encantado ou dalgún animalciño do monte que sobrevive comendo landras. E é que Y. ten moitas dificultades na lectura, e aproveitamos a ilusión que lle fai lernos a todos para que practique e vaia mellorando. É o que se chama atención individualizada sen que o pareza...
O caso é que non sei se os meus alumnos botarán algo disto de menos. Agardo que non, agardo que teñan nas súas casas todo o amor, comprensión e oportunidades de aprendizaxe que a vida real proporciona, en contraposición ás que proporcionamos nas escolas, que veñen a ser experiencias enlatadas para seren consumidas polos pequenos consumidores que estamos criando.
Nado entre dúas augas: Paulo Freire, o mestre brasileiro, e a súa loita vital por estender a educación institucionalizada a todos os nenos, especialmente os pobres, na liña da "pedagoxía da liberación", e Ivan Illich, austríaco, o teórico maldito da pedagoxía por apuntar directamente ás causas do fracaso da institución escolar e mesmo difundilas por escrito no seu "A Sociedade Desescolarizada".
Nadando vos deixo, neste día soleado de hoxe, no que vou dunha ribeira á outra (axuda moito a coller a natación con cariño o feito de que fun agasallada cun e-book e conto cunha biblioteca virtual de máis de vinte mil obras que transporto cómodamente do sofá para a cama e viceversa).

4 comentarios:

Chousa da Alcandra dijo...

Moi interesante reflexión que empeza coa imaxe dun encerado, dos de toda a vida, e remata falando dun e-book.
Tocaches moitas teclas do piano educativo e, para non alongarme no comentario, vou dicir unicamente que -polo que dis- gustaríasme para ser a mestra da miña nena.
So con unha condición: que de nove menos cuarto a nove fagades calceta en troques dese xerundio youtubiano que dis. En todo caso, xa que a facedes cos dedos déixoche que lle chamedes "calceta dixital".

Que leves ben o retorno á rutina, que ás mestras tamén vos ha de costar un chisquiño voltar ó rego...

Bicos dende a Chousa escoitando cantar o cuco

Proida dijo...

Vin aquí co tempo xusto para dicirche, Chousa, que o retorno foi tranquilo, que os nenos realmente NON botaban de menos a escola e que fliparon co e-book que lles levei como anticipo do que sen dúbida lles está por vir. Faleilles da triste pero inevitable morte do libro de papel, e simplemente se aledaron polas árbores, sen dramas.
Ah, o que dis da túa nena... iso amoleceume o corazón, dito así dende o pouco coñecemento que nos temos. Fico moi alagada.
O da "calceta dixital" é simplemente xenial!
Bicos dende esta beira, na que fai algunhas horas (é que é tardísimo) se ouvía o intensísimo rilla que te rilla dos grilos. Ah! ás veces teño escoitado á noitebra (chotacabras). Tamén nos rondan as perdices e onte vin unha bubela...
O dito, o paraíso!
Apertas.

Paz Zeltia dijo...

canto hai que non vexo unha bubela!

eu desexaría que tí foses a miña maestra, e non a bruxa que tiven!

Carolina Vázquez dijo...

cheguei aquí metendo no google "pedagoxía da liberación" e realmente gustoume o que lin así que co teu permiso ficarei a ler un chisquiño máis.Por certo na escola onde traballo facemos "tear de dedos" non sei se é o mesmo.
Unha aperta e a seguir con esa ilusión.