miércoles, 7 de julio de 2010

"Abandono"


Xa se ve a FILLA camiñar triste pero rapidamente na dirección oposta á casa do PAI, levando firmemente agarrada a corda ao fin da cal camiña, case ao trote, a égua mansa, pequena e teixa, que ten que abandoar a casa familiar da man da súa AMA. Xa podemos tamén ver que a carón das dúas desauciadas camiña unha terceira, máis pequena e alegre, doutra raza -canina-, inconsciente do incerto destino que ás tres agarda aló no alto do Marco. Moitas veces veremos á primeira, acompañada sempre da cadela pequena e pinta, dende hoxe en diante, acudir a aquela finca do alto do monte, onde as eguas moran, para visitar á súa querida amiga, condeada a facerse grande lonxe da vista da súa AMA.

Se mirarmos na dirección correcta veríamos ao PAI, furioso e fóra de si, disposto a manterse na súa decisión de expulsar á FILLA, herdeira natural, do único fogar que algunha vez coñecera, do berzo no que fora acolada e mimada pola nai, xa morta. O PAI sobe e baixa as escaleiras con xesto desesperado, bracexando violentamente e dirixíndolle á filla e a deus imprecacións que anuncian as máis terribles desgrazas. Agora o PAI abandoa a casa pechando violentamente a porta para non voltar máis, iso di, anque nós sabemos que non ten outro lugar onde ir nin outras fillas ou parentes que o acollan.

Ata hoxe todo foi harmonía, quen o dixera! Ata hoxe os días sucedéronse sen alteracións distintas ás da vixilia, que se alterna co sono, e as longas sobremesas do PAI, que como cabeza de familia todo lle era dado, todo feito e servido como correspondía a un home dunha xeración que nada aprendera sobre a igualdade entre homes e mulleres, e como correspondía a un octoxenario de limitada mobilidade.

A FILLA coidaba do pai coma quen coida do patriarca, preguntándolle se estaba todo do seu gusto e adiantándose as súas poucas e predecibles necesidades. Que outra cousa ía facer por un pai viúvo a aquela idade, só no mundo, deprimido dende o día en que a NAI deixou por fin de respirar, logo daquela enfermidade cruel e definitiva? Que outra cousa facer para cumprir coa vontade da NAI, sabedora da incapacidade do vello para sobrevivir por si propio sen a comprensión e axuda da única filla que el aceptaría á súa beira?

Se houbermos estado durante todo este tempo poderiamos dicir que pasou aquí para que todo cambiase tanto: da harmonía e das longas sobremesas a este abandoo da casa familiar, cada un polo seu lado, cada un desesperado, cada un ollando cara a un triste futuro.
Canto abandono e canta desesperanza tinxen este cadro que hoxe ollamos! Desviemos, de momento, a vista cara a cadros máis ledos e cheos de cor: na vila, todos están contentos, pois xa chegou o Nadal, época de esperanza e calor familiar. Óense constantemente panxoliñas e as decoracións propias desta época están por todas partes.


No hay comentarios: