O anteproxecto de Lei de Apoio á Familia e á Convivencia, recentemente aprobado polo Consello da Xunta bota por terra as ilusións de moitas familias galegas, que vían con esperanza a posibilidade de que o organismo autonómico aceptase as alegacións ao texto, que defendían este modelo educativo para os menores en "idade obrigatoria" de ensino.
O texto non só non presta atención a estes casos, cada vez máis estendidos en todo o ámbito galego e estatal, senón que califica de "desamparo" a "falta de escolarización habitual do neno, nena ou adolescente, co consentimento e a tolerancia dos pais, nais ou persoas que exerzan a garda".
A consecuencia inmediata que se desprende da lei é que a Xunta de Galicia podería pasar a asumir a tutela legal daqueles nenos que están a recibir a educación formal no ámbito doméstico, impartida polos seus propios pais, nunha modalidade de ensino aceptada en países como os EEUU ou Portugal.
Son malas novas, non só para quen exerce a liberdade de ensino desta maneira, senón para todos nós, como conxunto social, que vemos unha vez máis como o pai estado está presente en todas e cada unha das nosas opcións persoais de vida e formación. Curiosamente, esta lei é impulsada por un partido político que se di liberal e que denuncia constantemente a grande lacra do fracaso escolar neste país, por moito que eles contribuísen decisivamente a conseguir o peor dos sistemas educativos posible.
Por iso, como nai e cidadá que cre nunha escola pública de moita maior calidade que a que temos na actualidade para lles ofrecer aos fillos, solidarízome con todas estas familias, e fago meu o seu berro de rabia para decir ben alto que o dereito a recibir instrucción é do neno, e responsabilidade dos pais proporcionarlle esta instrucción , que non debe ser obligatoriamente levada a cabo dentro dun edificio dunha escola.
Hai que lexislar tamén a posibilidade de un neno ser educado no ámbito doméstico, sendo, lóxicamente, seguido pola administración, que velará para que o neno efectivamente estea a recibir instrucción e non sufra o famoso desamparo.
Escolas a distancia, exames periódicos, seguemento do proceso... hai miles de maneiras de verificar que un meniño está a acadar coñecementos iguais ou equivalentes, como mínimo, a aqueles escolarizados. Só hai que poñelo na lei!
Claramente non é unha opción educativa para a maioría da sociedade; nunca porá en perigo as prazas de mestres! Non lesiona os dereitos de ninguén, senón que enriquece, e moito, a esta sociedade.
Moitos son os casos de persoas destacadas en todos os campos que se formaron fóra da escola, e que fixeron grandes aportacións á humanidade; está demostrado,por moitos anos de experiencia noutros países, que é unha opción educativa con grandes resultados, e que os nenos non só acadan os mesmos niveis educativos, senón que os sobrepasan con creces, dado que intervén un factor fundamental: a motivación por aprender, algo que desgraciadamente o noso sistema educativo non é capaz de proporcionarlles aos nenos.
Como mestra de primaria, traballo cada día para contribuír a mellorar o meu traballo, a motivar aos meus alumnos para se interesaren por todos aqueles aspectos que forman parte do currículo escolar, mais doume conta que esforzos illados non producen grande resultado no tempo, nin para mellorar o sistema no seu conxunto. Inexplicablemente, hai unha grande resistencia no profesorado que eu coñezo a traballar en equipo, a pór en práctica novos métodos, a destinar máis tempo ó estudo e investigación sobre novos métodos, novas ferramentas, etc. Ben sei que non é fácil, cando a un lle baixan o soldo logo de ver ano tras ano como vai caendo o poder adquisitivo, como a profesión cae cada vez máis no descrédito, mais a maneira de poñela en valor é conseguir darlle a volta á situación e colocar este sistema educativo na cabeceira do listado, e iso só se consegue con moito esforzo e adicación, e ilusión. Vaian os meus saúdos e respectos por todos aqueles mestres que xa fan ese esforzo a diario, e o chamamento a aqueles que non contan coa enerxía e a ilusión necesarias.
Pero mentras tanto, é preciso facerlles un óco ós que prefiren educar os seus fillos na casa.
Saúdos e ánimo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario