domingo, 11 de abril de 2010

"Free Tibet, China out!"


Hai causas que paga a pena defender, e esta é unha delas. Como é que hoxe me deu por lembrar que no Tibet, o teito do mundo, hai uns cinco millóns de persoas sometidas a un xenocidio cultural e social por parte das autoridades e poboación chinesas, é algo doado de explicar: ás veces, a televisión emite algo máis que programas lixo, e hoxe foi unha desas veces, así que vendo "La Noche Temática", na 2ª, puxéronseme os pelos como escarpias ao escoitar como hai un soldado chinés por cada vinte tibetanos na cidade de Lhasa, cuxa misión básicamente é asegurar que aquela poboación se somete ao brutal proceso de destrucción dun dos pobos máis antigos e admirables do mundo. Esterilización forzosa, detencións arbitrarias, torturas inimaxinábeis e asasinatos en masa, son só algúns dos aspectos que se explicaron sobre a realidade cotiá no Tibet.
Tanta carraxe me deu que non podía menos que deixar aquí o meu berro de indignación e o meu sentimento de solidariedade con aqueles meus irmáns.

miércoles, 7 de abril de 2010

"Calceta dixital e interpretando a Castelao"




Aí vos vai un par de ideas para utilizar, ben na vosa casa, ben na aula: a partir da actividade coñecida como "fingerknitting" e sobre a que atoparedes centos de videos en YouTube, pódese ir facendo unha "alfombra", para se sentaren os nenos á hora da asemblea diaria ou simplemente para colgar da parede unha vez rematada. Precisarán da vosa axuda para coser en rodiñas as cadeíñas de la que van tecendo cos dedos e logo unilas entre si como na imaxe.

Por outra banda, a partir dun dos debuxos do álbum de Castelao "Cousas", cada neno pode facer a súa interpretación sobre a escea dos dous nenos labregos trazados no seu día polo noso máis querido político e intelectual con simplísimos trazos. É asombroso ver algúns resultados, coma o da fotografía, cuxa autora "tuneou" a Castelao dunha maneira maxistral.

"Galego-portugueses españois?"

Esta é unha desas ocasións onde os feitos delatan por si propios os afectos...
Queda claro que aqueles que pintan obstinadamente "Galiza nao é espanha" neste lado da raia non son portugueses... senón seguramente galegos "doidos" que soñan con seren comprendidos por uns irmáns portugueses que en canto teñen oportunidade enarbolan a bandeira española e non a galega...
Ai que doloooor...
Ben, o caso é que o servizo de urxencias de Valença do Minho foi eliminado, e logo de diversas protestas, incluído un espectacular corte da autovía, e á vista da indolencia da ministra de sanidade portuguesa, o alcalde de Tui declarou que os portugueses que o precisen serán atendidos no servizo de urxencias tudense, dende o que, por certo, se manifestaron incapaces de atender tal demanda... Cousas da caída das fronteiras.
O peor de todo, ver esas manifestacións espontáneas de portugueses abrazando a bandeira española e declarándose españois ata a morte. Fican desculpados porque seguramente descoñecen que os servizos sanitarios están descentralizados, e porque seguramente lles foi imposíbel facerse con tantas bandeiras galegas como precisaron así de golpe... mais eu fico desmoralizada...

lunes, 5 de abril de 2010

"Entre dúas augas"

Reflexiono no día de hoxe, o derradeiro da última serie de doces mañás familiares, de xantares tardíos e sestas alongadas que disfrutamos nesta chamada semana santa. Aínda non sei moi ben como é posible que nun país cuxa constitución consagra o laicismo, en certas alturas do ano temos que aturar imaxes de lexionarios a soster ensangrentadas imaxes seica sagradas, persoas a se bater a si propias nas costas como penitencia de non sei cantos pecados, e papas encubridores de pederastas bendicindo urbi et orbe, mais iso ficará para outra. Aquí interésame outro aspecto ben máis interesante, e valia a redundancia: a volta ás aulas.
Como se sentirán no día de hoxe os meus catorce alumnos de cuarto curso, nun luns sen fraccións e decimais, contraccións das preposicións cos artigos, nin ir mirar a temperatura á estación metereolóxica para logo anotala no climograma da aula? Botarán de menos estas rutinas escolares, que inclúen tamén aspectos desagradables como as miñas reprimendas cada vez que vexo un caderno descoidado ou un papel no chan ou os libros da biblioteca desordeados? Tamén direi, na miña defensa, e para alonxar rápidamente as nubes tormentosas do enfado da mestra cando verdadeiramente se enfada, que é posible que o que máis boten de menos sexa a asemblea diaria, de nove menos cuarto a nove, na que nos sentamos en cadanseu coxín a facer "fingerknitting", que é como se chama no YouTube, de onde tirei a idea: tecer la cos dedos, sen necesidade de agullas de tecer. Estamos a tecer unha alfombra colectiva nos quince minutos diarios que lle adicamos a tal tarefa antes de comezar a darlles duro ás divisións de dúas cifras e aos problemas de´dúas operacións. Mentras tecemos, Y. lenos algún capítulo da Alicia naquel seu país, ou dalgún príncipe encantado ou dalgún animalciño do monte que sobrevive comendo landras. E é que Y. ten moitas dificultades na lectura, e aproveitamos a ilusión que lle fai lernos a todos para que practique e vaia mellorando. É o que se chama atención individualizada sen que o pareza...
O caso é que non sei se os meus alumnos botarán algo disto de menos. Agardo que non, agardo que teñan nas súas casas todo o amor, comprensión e oportunidades de aprendizaxe que a vida real proporciona, en contraposición ás que proporcionamos nas escolas, que veñen a ser experiencias enlatadas para seren consumidas polos pequenos consumidores que estamos criando.
Nado entre dúas augas: Paulo Freire, o mestre brasileiro, e a súa loita vital por estender a educación institucionalizada a todos os nenos, especialmente os pobres, na liña da "pedagoxía da liberación", e Ivan Illich, austríaco, o teórico maldito da pedagoxía por apuntar directamente ás causas do fracaso da institución escolar e mesmo difundilas por escrito no seu "A Sociedade Desescolarizada".
Nadando vos deixo, neste día soleado de hoxe, no que vou dunha ribeira á outra (axuda moito a coller a natación con cariño o feito de que fun agasallada cun e-book e conto cunha biblioteca virtual de máis de vinte mil obras que transporto cómodamente do sofá para a cama e viceversa).

sábado, 3 de abril de 2010

"Estamos de aniversario!"

Mamá, escribo para ti, no día do noso aniversario: o do teu último parto, o do meu nacemento. Lembraraste sen dúbida daquela madrugada de primavera na que a túa cuarta filla veu a este mundo coa axuda da Madriña. Só quero felicitarte e felicitarme a min tamén por terme convertido na túa prolongación, e é que non hai día que non pense no que pensarías de tal ou cal cousa, ou no que farías en tal ou cal situación, de forma que podo orientar os meus pasos tralos teus, coma se eu fose ti que vives a traveso de min. Máis xove, si, e con trazas físicas e psíquicas da outra parte da familia, mais eu son ti e ti vives en min, e por iso me comprometo a levarte-levarnos- o máis lonxe posible no tempo, para vermos medrar á vindeira xeración de nós. A túa neta, que tan orgullosa porta o teu nome, saúdate tamén e pídeme ver a túa foto a cotío. O teu neto tamén sabe de ti e mírate con ollos intelixentes, tentando chegar a comprender por que estás só na imaxe. Para eles, con Bogui, ti habitas a floresta máxica onde viven os esquilos, os paxaros e todos os animais que procuran un descanso permanente .
Para min, ti estás no meu alento, no meu ollar e ata no meu falar.
Parabéns entón, para nós as dúas.