lunes, 25 de febrero de 2008

"Debáter electoral"



Agardo con certa expectación o famoso debáter, como prefiro chamarlle, de Zapatero e Rajoy. De feito acaba xusto de comezar. Campo Vidal, bastante envellecido- teño que dicilo- dálle a palabra ao meu paisano Rajoy. Tan espontáneo coma os meus zapatos, comeza preguntándose se España está mellor ou peor cá fai catro anos. E respóstase a si mesmo: "depende a quen se lle pregunte". Obvio.

Zapatero toma agora a palabra. Mira sostidamente á cámara, a min, que estou aquí detrás, e asegura que superamos en renta per cápita a Italia, que creamos tres millóns de empregos, que subimos as pensións un 30%... fala da lei da igualdade, da da dependencia, da paz social, da sanidade pública, da seguridade pública... da humildade, da firmeza...

O debáter quedou aberto.

Agora falan de economía e emprego:

Con dous minutos de turno, Rajoy toma a palabra e di que o triple de xente pensa hoxe que "España está mal" e fala do prezo do pan, do polo, das hipotecas, do paro, e en xeral das moitas máis dificultades ás que nos enfrontamos os españois.

Zapatero contéstalle que estamos nunha situación "magnífica" e di que se trata dunha desaceleración mundial da economía. Que se o paro está na tasa máis baixa da súa historia, que se se aumentou a produtividade, se baixaron os impostos... que se o PP usou a ETA...

Os candidatos comezan a "danzar" no ring, diante da mirada vixilante de Manuel. Xa falan con máis soltura e comezan a amosarse un ao outro unha serie de gráficas representando o paro, os prezos. As cellas do Presidente en funcións están máis puntiagudas cá nunca, a súa faciana máis grave cá nunca ao tempo que acusa ao goberno anterior do PP de non sei que cousas.

Os ollos regalados de Mariano diríxense ao seu opoñente acusadores e intimidantes.

Rajoy con garabata cor vermella; ZP con garabata azul escuro con topiños; Mariano con traxe azul escuro; José Luís con traxe mouro. Os dous elegantes. Os dous locen as súas alianzas de boda. Os ollos de José Luís, verde-prado; os de Mariano non se adiviñan detrás dos lentes, anque eu diría que son grises, coma todo nel.

Xa cambiaron de tema e eu perdinme; tan aburridos resultan.

Agora falarán de política social.

Xa non podo máis. Son insulsos, anodinos, grises. Non din nada novo. Non teñen nin un pouquichiño de brillo, de xenialidade.

Non votarei por ningún dos dous. Gracias a eles por me axudar a decidir.

Isto da Res Pública é para profesionais, está claro.

No hay comentarios: