Falo dun grupo organizado de pais e nais, ou iso din que son, que se fan chamar Galicia Bilingüe ou algo así. Onte repartían un texto á porta do colexio e pedían sinaturas para esixir que a Consellería de Educación retire o decreto polo cal certas materias do ensino primario e secundario se han impartir no idioma galego. Apelan ao seu dereito como pais a escoller a lingua na que deben aprender os seus fillos e aseguran que o castelán corre perigo en Galiza trala aplicación do devandito decreto.
Deume bastante que pensar. Entenderíao se realmente o Castelán estivese nunha situación real de perigo de perda de falantes. Entendería que alguén se preocupase por asegurar que todos os galegos e galegas aprendan a usar correctamente o castelán. Pero hai que ter os ollos pechados para non ver que o problema é xustamente o contrario. O problema é que imparablemente a nosa lingua perde falantes, que as novas xeracións nona usan, que as políticas ao respecto levadas a cabo ata o día de hoxe tiveron resultados nefastos. O problema é que a clase política non se comprometeu realmente nun proceso serio de dignificación da lingua, explicación aos cidadáns de cal é a situación, de recuperación de falantes. Así nos atopamos a día de hoxe. Especialmente nas dúas provincias costeiras, e especialmente na Coruña.
Entón cal é o motivo para que esta asociación se opoña a que os nosos nenos e nenas coñezan a lingua galega, que é propia da terra na que viven, que aprendan cousas sobre o mundo na lingua que debera ser normal en Galiza?
O argumento do dereito a decidir é absolutamente válido, pero hai que ofrecer alternativas viables e non discriminatorias co resto dos cidadáns que pensamos xustamente o contrario. Como garantirían o dereito dos meus fillos a aprender en lingua galega e desenvolver a súa vida normal en lingua galega? Cando mo expliquen ao mellor lles asino o manifesto. Mentras tanto que non conten coa miña sinatura. Mais ben quixer convidalos a se sinceraren ante a sociedade e dicir o que realmente pensan, que é nin máis nin menos o seguinte: o galego debe desaparecer e canto máis rapidamente mellor. Que se deixen de hipocresías, e que teñan o valor de dicilo.
Nada hai peor ca un renegado, que se rexeita a si mesmo, que se avergoña de ser quen é. Galiza está desgraciadamente chea de galegos renegados.
Por iso, dende este outeiro miro para esa beira con moita tristura. Polo menos aquí os "cans" non son "perros", palabra que á miña filla pequena lle había levar moitos meses aprender a pronunciar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario