Mañá de domingo: 10 a.m. dun frío día do inverno porteño. Chegamos con tempo ao solitario bar do centro e sentamos arredor dunha das mesas do fondo. Pedimos café e agardamos en silencio ata que nolo serviron. Mirei o reloxo e vin, con nervosismo, que se aproximaba a hora prevista para o encontro. Comecei a ollar furtivamente as dúas entradas do bar. Non falabamos moito mentras agardabamos: só comentamos a importancia da persoa que estaba por chegar. O meu nervosismo ía en aumento.
Chegou á hora marcada, típico da disciplina do seu carácter. Sorriu amplamente ao dirixirse a min e bicarme na meixela.Saudou ós compañeiros e sentouse. Impresionoume a súa complexión física e o seu aspecto xuvenil, anque eu sabía que pasaba dos cincuenta. A súa mirada, moi penetrante, pareceume fría, e esa sensación de friaxe acentuábase aínda máis polo bigote, que agachaba calquer posible movemento involuntario dos beizos. Falaba pausadamente e escoitou moi antento mentras me miraba fixamente.
Falamos das inminentes eleccións presidenciais; fiquei confusa ao coñecer a súa postura, unha vez máis, fiel ás súas ideas peronistas. Parecía optimista e falou con ilusión da alternativa política que estaba artellando xunto a outros históricos do movemento. Ao percibir a miña estraneza pola súa postura política comentou que os europeos non entendemos as políticas latinoamericanas, tan mediatizados como estamos pola nosa visión dende o vello continente.
Falei da situación económica e social do Estado e da Galiza; escoitoume con moito interese.
Pronosticou unha crise económica e social que faría que Europa tremese dende os seus cimentos. Eu tremín ao ver o seu convencemento sobre o que dicía.
Rematou a entrevista non sen antes intercambiar convites para outros encontros. Despedímonos cálidamente con bicos e unha aperta.
Nono volvín ver.
2 comentarios:
Pronosticou? pero si estamos de cheo na crise!! :DDDDDD
Ben, o "encontro" ao que fago referencia ocorreu fai anos.
Publicar un comentario