miércoles, 3 de marzo de 2010

" Profundando "

Polo meu traballo de mestra, cada día estou en contacto con persoas de curta idade e cos seus pais e nais. Este contacto permíteme ter unha aproximación ós intereses, motivacións e ideas que os meus alumnos e os seus pais teñen a respecto da sociedade na que viven e a respecto da sociedade que agardan que haxa para o futuro dos seus fillos.
Como se trata dunha zona máis castigada cá outras pola chamada "crise económica", debido a que é aquí onde están a pechar máis empresas, pequenas e medianas, onde máis traballadores das fábricas son despedidos, e onde, por xiraren moitas economías ao redor de actividades económicas promovidas, xestionadas e dirixidas dende fóra, hai máis inseguridade de cara ao futuro inmediato, pola máis que probable deslocalización desas empresas a países onde explotar ó obreiro é máis barato.
Todas estas circunstancias, que se dan xuntas, son vividas con maior ou menor intensidade no corazón dos fogares dos meus alumnos e alumnas, porque todos eles teñen algún familiar máis ou menos cercano nalgunha destas situacións.
A visión do mundo dun neno non abrangue moito máis aló do que vive no seu contorno máis inmediato, así que a súa percepción sobre o que acontece, é, normalmente, un constructo mental que se elabora a partir do de seus pais, copiándoo. Por iso, cando falamos sobre calqueira tema que teña unha dimensión social (que na miña aula son absolutamente todos os temas), quen se manifesta, en parte, por boca dos meus alumnos, son os seus pais. Quero dicir: din o que oen dicir.
Tócame moitas veces incidir ( para modificar e re-orientar) sobre ideas que están baseadas na discriminación racial ou cultural, na superstición e nos prexuízos te todo tipo. E é que eu son daquelas mestras que considera que o seu traballo vai moito máis aló de ensinar as catro regras e a ortografía, e ten que ver coa formación integral da persoa, e co acompañamento afectivo, ético, social e intelectual da infancia no tempo durante o que teño encomendada esa responsabilidade; mais iso fica para outro texto.
De momento o que me interesa é constatar que socialmente hai unha percepción da situación social, política e económica firmemente ancorada na aceptación total e acrítica do sistema actualmente en crise. As aspiracións non se centran en identificar cales son as causas do que está acontecendo ou en reflexionar sobre cal é a sociedade que queremos construír para os nosos fillos, senón que a análise non vai máis aló de pensar en como volver á situación anterior, na que non había esa percepción de "crise"; é dicir, as aspiracións céntranse en como conseguir volver ter, no menor tempo posible, a capacidade de compra e de consumo que había antes deste baixón.
Mais non só se constata esta percepción que veño de describir nas familias que máis eu trato, que, como xa digo, pertencen maioritariamente á clase obreira, senón que é tamén a percepción que ten a grande maioría do resto da sociedade, pertenza cada un á clase que prefira adxudicarse ( porque neste país ninguén quere ser obreiro, adxudicándose ás veces, outras ocupacións con eufemísticas denominacións, como a de "funcionario").
Resulta chamativo comprobar como, logo de máis dun par de anos de debate constante arredor de determinados aspectos que se presentan como os causantes da famosa crise económica, non parece xurdir ningunha voz forte esixindo cambios radicais nos sistemas bancarios e nas leis que regulan as actividades empresariais. É máis: ben ó contrario, parece que as políticas e as inciativas encamiñadas teóricamente á suposta solución da crise, van na dirección de afortalar as mesmas políticas que levaron á crise, e todo isto co aplauso e o beneplácito dunha sociedade civil carente do máis mínimo sentido crítico a respecto de nada que non sexa se tal ou cal árbitro arbitrou mal ou se tal ou cal duquesa é vella demais para ter un querido.
Ábrenseme as carnes con tanta indolencia e tanta pasividade, tanta incondicional confianza no "providencialismo" do sistema económico e político no que vivimos, e é que tal parece que esteamos programados para agardar mansamente a que a roda do consumo se poña de novo en marcha para voltar incorporarnos a ela como se nada pasara, e pensar que así é, por lei natural, o que ten que acontecer.
Daí as mensaxes de confianza das autoridades, a publicación de enquisas e de datos que falan de brotes verdes e da subida de calificación da nosa economía por tal ou cal axencia de mundial prestixio.
Nunca tanto coma agora pensei que vivimos no mundo da ficción real do "1984" de Orwell. Quen non lera este clásico, ten unha grande débeda intelectual consigo mesmo, porque é un referente fundamental para poder interpretar aspectos da sociedade capitalista actual que en poucos textos se describe tan ben, e iso que estamos a falar dun libro publicado no 1949.
Aínda non caemos en que a famosa crise non é unha crise puntual senón un síntoma de que a maneira de explotar os recursos e distribuír a a riqueza é totalmente destrutiva non só para nós como especie senón para o planeta no seu conxunto?
Polo control e a explotación duns recursos dos que a día de hoxe dependemos por enteiro, e que para a nosa desgraza, son finitos e teñen a data de caducidade moi próxima, os países máis poderosos do mundo, que son uns poucos, destrúen as vidas e o hábitat da maioría da poboación mundial.
Polo control e a explotación salvaxe dos recursos é que se provocan guerras civís en territorios que non coñeceron a liberdade e a xustiza social prácticamente dende que o infame Colón inaugurou, coa súa máis infame aínda xesta, a chamada Idade Moderna.
Polo control e a explotación dos recursos é que todo o territorio africano estivo e está condeado a todo tipo de catástrofes humanitarias, responsabilidade directa tanto dos seus dirixentes como dos dirixentes dos países explotadores. O escravismo e a trata de persoas foi co-inventado e levado masivamente á práctica polos saqueadores hispanos xa aló no século XV; África nunca máis levantaría cabeza, nin a levantará ata que non se libere do xugo dos países chamados Occidentais e capitalistas. E outro tanto lle está reservado a Iberoamérica.
E nós, axudando a reinventar o capitalismo? Entrampados na dialéctica estéril que se comprace en dar voltas sempre arredor duns argumentos en si mesmos falsos: que se o sistema capitalista é o mellor coñecido, o que é máis garantista das liberdades; que se as democracias occidentais naceron no seo do sistema económico capitalista; que se a experiencia histórica revelou que os sistemas alternativos son moito peores e non repartiron máis a riqueza nin garantiron a liberdade, etc. Todo palabras estériles. Coma se nós o tivesemos inventado todo e antes de nós non existise nunca nada que posuíse bondade algunha!
Non será que quen así razoa e fai todo o posible por salvar o sistema, enterrando miles de millóns de euro-dólares en empresas fracasadas, subvencionando todo o inviable, dándolle máis diñeiro a quen xa está podre del... non será que eses mesmos son os donos deste país, e dos outros? Non será que están investindo en si propios e non en todos nós ,como deberan, por mandato constitucional? Non será que teñen todo en mente, agás obxectivos como asegurar os dereitos civís, garantir a sanidade e a educación e a vivenda e a comida, e esas cousas todas polas que lle entregamos a maior parte do noso tempo - e da nosa vida- ao que ten os medios de produción?
Escravizados estamos, encadeados por cadeas que se nos fixeron invisibles, aculturados e totalmente inermes ante os donos dos nosos países e das nosas vontades.
Eles son os que inventan as pandemias nos seus laboratorios, coas que nos aterrorizan ata o punto de ir suplicar por unha vacina que eles mesmos fabricaron previamente, e que obrigaron ás autoridades de todos os países a mercar, secuestrando e monopolizando a nosa saúde e enfermidade.
Eles son os que crean o terrorismo co que logo nos amedrentan e nos fan desnudar mesmo a alma nos escáneres dos aeroportos.
Eles son os que van socavando a soberanía política e económica de todos os países, que lles rinden preitesía ata o punto de renunciar mesmo á soberanía alimentaria.
Eles son os que dirixen o noso voto e poñen e quitan gobernos, facéndonos vivir coa ilusión de que decidimos o curso dos acontecementos do noso país e convertíndonos nos máximos defensores dun sistema chamado democrático que o único que ten diso son as dúas partes da palabra, demos e cratos.
E eles, por fin, son os que acabarán por emporcar a auga que bebemos e envenenar a comida que comemos, matándonos a nós e aos nosos fillos, pouco a pouco de todo tipo de enfermidades modernas.
E eles teñen nomes e apelidos; son os donos do planeta porque controlan os recursos a traveso das súas monstruosas empresas que engordan ata o punto de mover máis diñeiro e ter máis presuposto cá moitos países enteiros. Son os que teñen o diñeiro, o poder e as armas, e dispoñen todos os recursos non ao servizo dos cidadáns senón ao servizo do criminal sistema económico que inventaron e que nunca ten suficiente. Porque nunca teñen suficiente, e o combustible para a súa máquina asasina somos nós , os traballadores e os nosos fillos, os traballadores de reposto.
O panorama é aterrador. Quen queira profundizar nas consecuencias pode ir ó cine, mercar unha entrada para The Road ( O Camiño, El Camino), pórse cómodo e acompañar a Vigo Mortensen e ao seu fillo en dirección ao mar.
E non é ficción.

10 comentarios:

A nena do paraugas dijo...

Sabes que penso eu? O mesmiño que meu pai: cada can lapa o seu. E de haber tantos cans rabiosos por lapar todo o que atopan no camiño, veu acontecer o que describes con maestría. tamén eu traballo no ensino, nunha zona rural, hai moitos anos rica, pero hoxe deprimida. E o que máis me doe é que os poucos recursos que van tendo as familias proveñen de cursos de formación pagados por algunha administración, da construción (menudo futuro), da asitencia a domicilio a persoas maiores... e pouco máis.
No intermedio, as crianzas, miñas pobres!
Non engado nada ao que dis, porque o dis case todo.
Un saúdo.
P.D.: Acabo de descubrir o teu blog.

Proida dijo...

Eu tamén descubro o teu blogue agora e teño que dicir que é unha feliz descuberta, xa que lendo algunhas cousas túas véxome no espello. E é que a tecnoloxía ten estas cousas tan boas.
Grazas polas loubanzas, mais só escribo ideas, que non son miñas, senón colectivas, de todos os que temos unha fría sensación na caluga que nos impede pechar os ollos e ser cegos. Hai un filme colgado na rede, chamado Zeitgeist. Se nono viches, recoméndocho vivamente. Tamén, en flocos.tv hai un documental moi ben feito sobre a decadencia da aldea, o lugar no que nos criamos e que agora é dominio das silvas que atravesan as paredes derruídas das casas que nos viron nacer. Chámase "A aldea, o antigo e o novo".
Unha aperta fraternal dende este lado do Río.

Chousa da Alcandra dijo...

Encantado tamén desta descuberta na que seguirei "profundando" con máis énfase. Concordo coa Nena do Paraugas na súa apreciación (eso sí, Nena do P.; deberías rematar a frase que decía o teu pai...).

Esta situación á que chegamos, arrastrados pola potentísima corrente mercantil-consumista, de seguro que terá que ser o punto de inflexión dun novo xeito de facer as cousas. Pero vai levar tempo. Ti, como mestra, sabes que as aprendizaxes novas requiren pedagoxías novas e -polo que se ve- de momento non hai moita iniciativa nese vieiro.

Non quero alongarme, pero o teu post merece unha tertulia.

Graciñas por vir á Chousa e graciñas por deixar aberta a cancela desta tua beira (que dudo moito que sexa outra distinta da miña)

Proida dijo...

Certamente, esta beira é tan túa coma miña, e coma dos que deste lado están. Asentei aquí para poder deixar as miñas pegadas cada día, ao ir ao meu colexo galego, igual que deixaba as súas o carro, de tanto ir e vir. Penso que se cadra tralas miñas pegadas han vir outros a seguilas para re-conquistaren emocionalmente estoutra beira, que é tan do río coma outra, e polo tanto, tan nosa.
Obrigada por vires profundar ao meu blogue. Eu paseo cada día polo teu. Que satisfacción ver que un non está só! E que enorme satisfacción ao ler textos que falan de realidades que un leva talladas a fogo no fondo da mente e das que foi esquecendo os nomes, por nonos ter oído en tantos anos...
Apertas.

mel dijo...

Eu concordo com muitas das coisas que escreves,mas voçès as mestras vão ajudar a torna-lo mundo, mas é tarefa díficil.
Bjs.

Proida dijo...

Sabes o que acontece, Mel? que non son moitos os mestres e mestras conscientes do grandísimo valor do seu traballo; tampouco hai tantos que realmente amen o seu traballo, que o fagan o mellor posible, o mellor que saben, e que intenten vencer as dificultades poñendo o cen por cen do seu esforzo. Está máis instalada a actitude de "non lle hai que facer, maloserá"...

Paz Zeltia dijo...

buenoooo, quedaches desafogada!,
ben seguro que ainda tocarías máis temas!
un post de moito remexer na merda, ti non ves que así ule moito máis? e como seguimos na mesma merda, eu viro o narís para outro lado.
pensas que podo durmir sabéndome inerme ante os donos da miña vida, da miña vontade?
porque nin siquera podo dicir o que dicia aquél que agora no lembro, de "polo menos son dono dos meus pensamentos", porque nin iso.
manipulados, enganados, rodeados de outros indefensos igual ca min, sobrevivo nun mundo do que pouco quedará alomenos tal como o temos configurado.
outro mundo mellor será posible, como din, pero eu non sei por onde empezar!

moi interesante a entrada enteira,
e moi de abalar as conciencias,
alédame que haxa uns cantos nenos nos que poidas ifnluir para poñer neles o xermen de que todo se debe cuestionar.

Proida dijo...

Invictus

Out of the night that covers me,
Black as the Pit from pole to pole,
I thank whatever gods may be
For my unconquerable soul.

In the fell clutch of circumstance
I have not winced nor cried aloud.
Under the bludgeonings of chance
My head is bloody, but unbowed.

Beyond this place of wrath and tears
Looms but the Horror of the shade,
And yet the menace of the years
Finds, and shall find, me unafraid.

It matters not how strait the gate,
How charged with punishments the scroll.
I am the master of my fate:
I am the captain of my soul.

Referiraste, seguramente, a este poema, posto de moda agora pola película de Clint Easwood sobre Mandela, que leva o título do poema e que escribiu un poeta inglés victoriano.
Polo visto era o que recitaba Mandela durante a súa estadía na cadea para darse ánimos... moito o debeu ter que recitar...
E se non te referías a este poema, aí queda, para dármonos ánimos mutuamente.
Si, compañeira, cantas veces non temos que virar o nariz para outro lado? A diario. O conflito permanente acaba con calquera. O bo é conservarmos a capacidade crítica e de análise, e obrarmos máis ou menos en consecuencia.
E sobre os meus alumnos... ninguén está máis orgullosa ca min dos seus alumnos, iso pódocho asegurar.
Alédome que che parecese interesante o artigo e de que deixases a túa pegada neste meu blogue.
Apertas.

xenevra dijo...

Moitas veces, aínda que ben podería dicir case sempre, teño a sensación de que nos é máis importante atopar os culpábeis que as solucións. Cando preguntamos por un feito acontecido (que parece de consecuencias negativas) a resposta que obtemos sempre é "eu non fun, foi..." Ás miñas sobriñas sempre lles respondo "ter un culpábel non dá solucións. Poñámonos a traballar para reparar o que precisemos cambiar".

Mais o certo é que percibo unha apatía na sociedade, da que eu son parte, e reméxeme as entrañas o non dar coa maneira de virar isto. Deixamos que aldraxen a nosa terra levándonos a riqueza (que a ten) cara outros lugares, deixamos que aldraxen a nosa mocidade deixando que os alenten a emigrar, deixamos que aldraxen a nosa lingua, deixamos que aldraxen os nosos soños de futuro... Por iso, hai veces en que un acto, que parece pequeno, chega a conmoverme ata facerme esquecer esta situación na que non me quero ver envolveita. Penso en Tosar recollendo o seu Goya, penso nos rapaces que volven ao rural para poñer en funcionamento modernas explotacións gandeiras, penso na xente que berra polas rúas "coa miña lingua na súa boca" e sei que, nada hai inmóbil, que todo pode ser mudado e que, de nós depende, construírmos o mundo que queremos. Quizais eles sexan máis poderosos, quizais sexan máis, quizais... sexa hora de eu, nunca máis, volva traicionar os meus ideais. Polo menos se non consigo o obxectivo, sei que terei loitado por el e con iso abondará para seguir pintando futuros.

E eu acabo tamén cun poema, co teu permiso, de W. Yeats
Red Rose, proud Rose, sad Rose of all my days!
Come near me, while I sing the ancient ways:
Cuchulain battling with the bitter tide;
The Druid, grey, wood-nurtured, quiet-eyed,
Who cast round Fergus dreams, and ruin untold:
And thine own sadness, whereof stars, grown old
In dancing silver-sandalled on the sea,
Sing in their high and lonely melody.
Come near, that no more blinded by man's fate,
I find under the boughs of love and hate,
In all poor foolish things that live a day,
Eternal beauty wandering her way.
Come near, come near, come near - Ah, leave me still
A little space for the rose-breath to fill!
Lest I no more hear common things that crave;
The weak worm hiding down in its small cave,
The field-mouse running by me in the grass,
And heavy mortal hopes that toil and pass,
But seek alone to hear the strange things said
By God to the bright hearts of those long dead,
And learn to chaunt a tongue men do not know.
Come near; I would, before my time to go,
Sing of old Eire and the ancient ways:
Red Rose, proud Rose, sad Rose of all my days.

Paz Zeltia dijo...

Bueno, pero vós tedes un nivelaso de inglés!

Eu busquei a traducción do poema de William Ernest Henley que recitaba Nelson Mandela no cárcere, e que atopei en castelán que o entendo mellor ;-)

Más allá de la noche que me cubre
negra como el abismo insondable,
doy gracias a los dioses que pudieran existir
por mi alma invicta.
En las azarosas garras de las circunstancias
nunca me he lamentado ni he pestañeado.
Sometido a los golpes del destino
mi cabeza está ensangrentada, pero erguida.
Más allá de este lugar de cólera y lágrimas
donde yace el Horror de la Sombra,
la amenaza de los años
me encuentra, y me encontrará, sin miedo.
No importa cuán estrecho sea el portal,
cuán cargada de castigos la sentencia,
soy el amo de mi destino:
soy el capitán de mi alma.

e realmente non sei se a idea que me quedou saiu dese poema, todo ó noso arredor sementa en nós, e regamos aquelas sementes que queremos que medre... ainda que cando acadamos o froito nin siquera saibamos de onde nos vén:
da semente, da auga, da luz... de todo un pouco.