lunes, 14 de junio de 2010

"Saudades de vós"























Meus queridos nenos e nenas:



Achégase a fin do curso e tamén a fin desta viaxe que fixemos xuntos aos misterios das Matemáticas (das que aprendemos que se esconden por detrás de todo), da Arte, das Ciencias Naturais e Sociais e das Linguas. Claro que non todo o que aprendemos viña nos libros: acordádevos da cantidade de mitos gregos que aprendestes e ilustrastes, ou de como tecestes unha alfombra usando só a la e os vosos dedos; por non falar da Etimoloxía, ciencia que practicastes a diario. O dicionario non ten segredos para vós a estas alturas e moito menos o dominio de vocabulario relacionado coa tectónica de placas ou o relativo aos fenómenos que se dan nos ecosistemas naturais. Dominades a nosa lingua coa facilidade de quen se enfrontou a ela co respecto e a admiración de quen sabe que herdou un tesouro: non só sabedes que das sobreiras sacamos a cortiza senón que son curmás das aciñeiras e dos carballos xa que todos son "quercus" e todos dan landras...


Nomeades distintos tipos de paxaros migratorios e mesmo distinguides as anduriñas dos vencellos e dos avións... Sabedes incluso onde pasan o inverno!


As grandes obras de enxeñería non teñen segredos para vós, e tanto vos asombrades da capacidade que os romanos tiñan de construír calzadas por Europa adiante como de que fósemos capaces de construír o Canal de Panamá ou o de Suez.


Considerades a Colón o home máis desorientado da Historia e asombrástesvos da cantidade de cables de comunicación que atravesan os leitos dos océanos para comunicar uns continentes cos outros.


Como non, debuxades elefantes dentro de boas constrictor, nun diálogo entre iguais co Principiño de Saint-Exupery. Emulástedes a Miró traballando conxuntamente con nenos moito máis pequenos cá vós, a quen guiástedes e con quen vos divertístedes unha vez por semana. Proxectástedes bosques máxicos ao estilo Ibarrola, convertíndovos en "artistas da natureza".


Oístedes falar da cuarta dimensión, do hípercubo e da posibilidade de que o tempo non exista...


E todo, todo, á miña beira. Como non hei estar orgullosa? Como non hei considerar a fin de curso como unha grande perda, á vista da posibilidade de ser o último desta grande amizade?


Estou orgullosa de todos e cada un de vós porque sodes únicos e moi especiais. Cada un de vós encerra un tesouro que agardo que os adultos que vos rodean e vos rodeen no futuro saiba ver para axudarvos a chegar alí onde queirades. O éxito na vida reside en ser feliz co que fagades e en que elixades o que elixades, sexades bos facéndoo, a base de esforzo e ilusión.


Ogallá fagades unha sociedade moito máis xusta que a que vos viu nacer. Lembrádevos do que aprendemos de persoas como Ghandi e Luther King. Acordádevos tamén do respecto que merecen os demais, e especialmente os nenos e as persoas maiores, que merecen protección e respecto.


Tede confianza en vós mesmos e pedide axuda cando a precisedes, porque é o voso dereito. Tedes moitos dereitos, e o primeiro de todos é a felicidade e o benestar. Lembrádevos que de todo se pode aprender algo bo e que non hai situación tan mala que non teña remedio.


Grazas tamén a vós porque aprendín todo o que me enseñastes e por aguantárdesme algún que outro malhumor ou falta de paciencia.


En todo caso, que teñades un bo verán e que contedes conmigo daquí en diante.

3 comentarios:

Chousa da Alcandra dijo...

Así da gusto. Non digo mais.

Proida dijo...

Chousa, fixemos unha lectura en voz alta do texto, que lles foi repartido en fotocopias, e direiche que me custou aguantar as bágoas: centreime na análise formal do escrito porque senón alí mismo me poño a chorar coma unha magdalena...
Amores que se van...

Paz Zeltia dijo...

non me extraña (que che custara coutar as bágoas)